O persoal do Diario de Pontevedra, abocado á folga indefinida tras a última proposta “irrisoria” da empresa
O cadro de persoal do Diario de Pontevedra comezará este xoves 22 unha folga indefinida para reclamar un convenio colectivo digno unha vez que a empresa achegou unha proposta “irrisoria” na xuntanza celebrada hoxe mesmo. Esta mesma mañá un grupo de traballadores/as do xornal desenvolveu a última mobilización antes do inicio do paro, fixado para as 9:00 horas.
Dende a representación sindical, con maioría da CIG, lembran que os salarios non se actualizan dende 2015, o que supón unha perda de poder adquisitivo que supera o 22% tras as distintas subas do IPC. “A actual inflación coloca as empregadas/os nunha situación límite en moitos casos”, lamentan.
A pesar disto, a empresa propón unha paga de 550 euros lineais para este ano non consolidábeis nas táboas salariais, mentres que paro 2023 a suba media sería do 2%. Dende a CIG, que preside o comité de empresa, cualifican de “irrisoria” a proposta e anuncian que durante a folga indefinida que comeza o xoves haberá concentracións diarias diante das instalacións do xornal do grupo El Progreso.