O persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar denuncia a falta de información sobre o futuro do organismo
A CIG denuncia que a falta de información sobre este proceso “parécenos unha falta de respecto e consideración para o persoal que traballa no consorcio, a máis dunha falta de seriedade e planificación do que deben de ser os servizos sociais dignos e de calidade para a poboación galega”.
Lembra que hai só uns días estábase a negociar a integración e a equiparación de categorías co persoal da Xunta e que a xustificación para non aplicar a equiparación laboral e salarial, así como a mellora de listas de agarda, era que “había que esperar á integración nesa Axencia”.
Porén, diante do recollido no texto citado, entenden que “todo resulta ser un eterno comezar de novo para non chegar a ningún sitio en canto a mellora das condición laborais do persoal do Consorcio”. Un colectivo de case 2.000 traballadores e traballadoras que, denuncian, “non pode estar máis de 10 anos sen ter un convenio colectivo que regule e mellore as súas condicións laborais, máis de 10 anos sen poder acercarse ao seu domicilio, non pode seguir a inestabilidade no seu posto de traballo, teñen que funcionar ben as listas de agarda para substituír ao persoal nas súas vacacións, permisos e licenzas”.
Por iso a CIG, tal e como xa lle anunciou ao Xerente na última reunión celebrada o 17 de abril, asegura que non vai aceptar máis demoras, futuros marcos legais de integración ou apelar a paciencia e boa fe. “Queremos o convenio xa!!”, afirman.
Subliñan que durante todo este tempo foi a profesionalidade de todo o persoal do Consorcio o que permitiu manter uns servizos de calidade para as usuarias e usuarios e denuncian que “todo parece indicar que o citado acordo marco FGAMP-Xunta non ten en conta que o persoal non ten equiparados os seus salarios e dereitos co persoal da Xunta de Galiza aos efectos de calcular os custos de funcionamento dos centros de traballo. A CIG non vai pasar por menos que a aplicación das condicións do V Convenio do Persoal Laboral da Xunta de Galiza”.
Así, anuncian que solicitarán ao Xerente do Consorcio e ao Conselleiro de Política Social entrevistas urxentes para que definan dunha vez a situación real da Axencia e/ou Consorcio e comezar de inmediato coas negociacións cara a aplicación do V Convenio.
Advirten que de non ter resposta a CIG tomará as medidas de presión que considere oportunas de cara a conseguir os dereitos que lles son negados, o V Convenio do persoal laboral da Xunta de Galiza.