O cadro de persoal do Concello de Redondela pacta importantes melloras laborais co Goberno local
A representación do persoal do Concello de Redondela, tanto laboral como funcionario, pechou o pasado martes un acordo co Goberno local que dende a xunta de persoal e o comité de empresa cualifican de “histórico”, xa que recoñece dereitos laborais até o de agora non contemplados.
A representación sindical amosou a súa satisfacción por un acordo que chega logo de varios meses de negociacións, “con fortes tirapuxas, pero que finalmente deu un resultado moi positivo para o cadro de persoal”. Desta maneira, destacan, o acordo recoñece dereitos laborais até o de agora nunca contemplados, como pode ser o complemento de dispoñibilidade.
Os sindicatos que integran o comité e a xunta de persoal salientan que o acordo inclúe unha mellora substancial para todos os departamentos (co recoñecemento do complemento de festividade, nocturnidade, produtividade e dispoñibilidade). Ao mesmo tempo, o Goberno comprométese a iniciar, de forma inminente, o proceso de funcionarización e a reverter os beneficios desta no cadro de persoal.
O contido do acordo foi apoiado de xeito unánime polo persoal municipal en na asemblea informativa convocada o pasado venres pola representación sindical, “o que reforza a liña de unidade sindical que se consolidou nos últimos meses e que agora se demostrou beneficiosa para todos/as os traballadores/as”.