O persoal do Concello de Cariño suma 11 xornadas de folga en demanda da negociación e aprobación da RPT
O persoal do Concello de Cariño prosegue coa súa loita contra a precariedade laboral e salarial e para reclamar a negociación e aprobación da Relación de Postos de Traballo que veñen demandado dende hai 18 anos. Este mércores as traballadoras e traballadores secundaron de xeito maioritario unha nova xornada de folga (nesta ocasión parcial) e saíron en manifestación polas rúas da vila ao berro de “RPT xa”.
Esta é a segunda folga que realizan neste mes de abril e o paro terá continuidade no día de mañá, xoves 23 de abril. Para a próxima semana está convocada folga os días 29 e 30 e, de non producírense avances, o paro adquirirá carácter indefinido a partir do 5 de maio.
Coa de hoxe, o persoal xa suma 11 xornadas de folga e multitude de protestas para exixir o que é unha obriga legal do Concello: dispor dunha RPT que organice os servizos, defina as funcións e faga unha valoración dos postos de traballo para poder prestar uns servizos públicos de calidade.
Pero ademais, xa existe unha sentenza xudicial que obriga a negociar para acadar esta RPT, que o Goberno local está incumprindo, non respectando os dereitos máis básicos de negociación colectiva. A propia alcaldesa afirmou hai case dous meses que de maneira inminente se trasladaría un documento á representación social, mais a día de hoxe nada se sabe desa proposta.
Mentres, as condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadoras continúan deteriorándose e os servizos públicos préstanse en precario pola falta de efectivos. Neste senso, o persoal tamén reclama que se aproben uns orzamentos que faciliten sacar adiante a RPT, pois “cos orzamentos prorrogados do ano 2020 dificilmente se pode aprobar unha RPT xusta”.