O persoal do Concello de Cariño maniféstase para exixir condicións de traballo dignas
Dentro do calendario de mobilizacións acordado, o persoal municipal do Concello de Cariño manifestouse este domingo polas rúas da localidade para reclamar a fin da precariedade laboral e salarial que padecen, tras máis de 18 anos tentando que se negocie e aprobe a Relación de Postos de Traballo.
O próximo venres, o persoal ten convocada unha xornada de folga parcial de 10 a 14 horas e unha nova manifestación que sariá ás 11 horas do Sagrón para reclamarlle á alcaldesa “que poña solución a estes problemas” e “que aprobe unha RPT xusta para todo o persoal”. Reiteraron o seu malestar polas actuais condicións laborais que teñen provocado mesmo que persoal abandone o seus postos para marchar a outras administracións “nas que si valoran as persoas traballadoras”.
Documento obrigatorio por lei
No manifesto lido ao remate da mobilización deste domingo, o persoal lembrou que a RPT é un documento obrigatorio por lei e que xa hai unha sentenza firme que condena o Concello a negociar e sacar adiante esta ferramenta.
Pediron unha RPT na que se “recollan as funcións de cada posto de traballo, e que lle permita o Concello organizar dito traballo; na que as retribucións salariais de todo o persoal, tanto funcionario como laboral, se calculen en base ás funcións que se realizan en cada posto; que posibilite repoñer as prazas do persoal que se xubilou ou que deixou o seu posto de traballo; e que lle permita á administración local crear aqueles postos necesarios para ofrecerlle á veciñanza uns servizos públicos de calidade.
“En definitiva, unha RPT digna e xusta para as persoas persoas traballadoras e necesaria para xestionar o pobo”. Neste senso, puxeron o acento na fartura que senten de tantas palabras baleiras e das boas intencións escoitadas ao longo destes anos. “Pero vemos que a pesar de ter unha sentenza firme, o Concello non aprobou a RPT, polo que non nos quedou outra saída que loitar por ela con concentracións, manifestacións e a folga”.
Na protesta tamén se lle pediu á alcaldesa que saque adiante uns orzamentos “que permitan a aprobación dunha RPT xusta dado que, cos orzamentos prorrogados do ano 2020, dificilmente se pode aprobar unha RPT xusta e non queremos que se utilice este orzamento coma escusa para facer unha RPT escasa e inxusta”. Sobre as contas municipais valoraron que contar cuns novos orzamentos resulta imprescindíbel tamén para garantir a calidade e a cantidade de servizos que se ofrecen á cidadanía.
“Buscamos negociar e chegar a un acordo o antes posíbel pero mentres iso non suceda, seguiremos loitando e defendendo os nosos dereitos e calidade dos servizos públicos”, concluíron.