O persoal do Concello de Cariño leva as reivindicacións pola negociación da RPT até Ortigueira

Quixeron visibilizar a precariedade laboral que padecen e a situación límite dos servizos públicos, aproveitando a participación do presidente da Xunta nun acto institucional
Cariño - 30 Abr 2026

Na 17 xornada de folga, os traballadores e as traballadoras do Concello de Cariño levaron as súas reivindicacións contra a precariedade e pola negociación da RPT até o Concello de Ortigueira, aproveitando a participación de Alfonso Rueda nun acto institucional. O obxectivo era advertirlle directamente ao presidente da Xunta de Galiza sobre a situación de deterioro dos servizos públicos e das condicións salariais e laborais que sofre o persoal municipal e pedirlle que interveña para acadar unha solución inmediata.

Ao berro de “RPT xa e non para mañá”, o persoal deu continuidade con esta acción ás mobilizacións que veñen realizando dende decembro pasado en resposta á falta de convocatoria da mesa de negociación (que non se reúne dende hai un ano) e ante a reiterada ausencia de propostas por parte da Alcaldía para a elaboración da Relación de Postos de Traballo.

Esta falta de avances -incumprindo o mandato da sentenza xudicial que obriga a negociar-, afonda no deterioro das condicións económicas e laborais -xa hai traballadores e traballadoras que marcharon a outras administracións nas que se respectan os dereitos laborais-, e deixa a prestación dos servizos públicos nunha situación límite polo déficit de persoal.

Fronte á parálise na negociación e na aprobación da RPT, o persoal municipal mantén unha persistente acción mobilizadora e a partir do próximo 5 de maio iniciarán folga indefinida porque “se nesta vila parece que os servizos públicos non importan, entón as traballadoras e os traballadores non iremos traballar”.

Lembran que a RPT non é un capricho nin unha demanda arbitraria, senón unha obriga legal dos concellos, xa que é o instrumento técnico organizativo que inclúe todos os postos de traballo, facilita cubrir as necesidades de persoal, estabelece as funcións de cada posto e as retribucións salariais, que se calculan valorando estas funcións, e non como se fai actualmente no Concello de Cariño recorrendo ao SMI ou a un convenio colectivo do ano 2005 que está sen renovar.