O persoal do Concello de Cariño concentrarase a diario para exixir a aprobación da RPT

Acordaron non facer horas extras mentres non se actualice unha relación de postos de traballo que levan 18 anos intentando negociar
- 19 Dec 2025

As traballadoras e traballadores do Concello de Cariño iniciaron este venres o calendario de mobilizacións para reclamar a aprobación dunha Relación de Postos de Traballo xusta que permita dotar a administración do persoal necesario para a xestión do servizos públicos e que garanta unhas condicións laborais dignas.

“Despois de 18 anos de negociacións para a elaboración, negociación e aprobación da RPT vémonos na obriga de tomar medidas”, subliñaron na protesta realizada este mediodía ás portas da Casa Consistorial e que se repetirá todos os días laborábeis mentres non haxa solución. Ademais, o persoal acordou non realizar horas extraordinarias até que se aprobe a RPT e non descartan ir á folga se non se producen avances neste camiño.

Lembraron que antes de chegar a este punto “tentamos solucionar o problema dialogando, negociando e a través da reclamación xudicial presentada pola CIG ante o xulgado contencioso administrativo nº1 de Ferrol (sentenza firme nº172/2022) que obriga o concello de Cariño a elaborar e aprobar a RPT”. Pero a pesar da resolución, e malia a solicitude dunha execución forzosa da sentenza da que remataba o prazo o 16/09/2024, “o Concello non cumpriu cos prazos, nin tomou as medidas necesarias para avanzar na súa aprobación”.

A RPT (Relación de postos de traballo) é un instrumento técnico organizativo que inclúe todos os postos de traballo do concello, facilita cubrir as necesidades actuais da organización en canto a postos de traballo, establece as funcións de cada posto e as retribucións salariais, que se calculan valorando estas funcións.

É, polo tanto, o instrumento que permite organizar os recursos humanos do concello: convocar novas prazas ou cubrir as xa existentes cando quedan vacantes coa finalidade de prestar os servizos públicos establecidos en cada administración pública; e constitúe unha obriga legal.

O Concello xa contratou e pagou a tres empresas distintas

Coa intención de aprobar a RPT, as distintas corporacións do Concello de Cariño xa contrataron e pagaron a 3 empresas distintas (nestes 18 anos) para a súa elaboración e aprobación, “pero nunca se finaliza o proceso negociador, polo que o único que se fai é tirar os cartos das veciñas e veciños e incumprir os principios de eficacia, eficiencia e bo goberno que deben de imperar para servir ao interese xeral e mellorar a calidade de vida do pobo de Cariño mediante unha administración profesional e moderna”.

Durante a concentración destacouse que outros concellos da comarca - con gobernos locais de distinta cor política- que tamén carecían da RPT aprobárona recentemente. Porén no concello de Cariño “non só non se aproba a RPT, senón que parte da partida orzamentaria do capítulo I que retribúe a totalidade dos postos de traballo existente na corporación municipal non se utiliza no persoal e desvíase a outras partidas que non teñen que ver co persoal municipal”.

Por todo isto, o colectivo de traballadoras e traballadoras asevera que “non podemos seguir con esta paralización na xestión do persoal, perdendo postos de traballo necesarios para a boa xestión dos servizos públicos”.

De 70 persoas traballadoras a menos de 50

Explicaron que nos últimos 12-15 anos pasouse de contar con 70 persoas traballadoras a ter menos de 50, o que provoca sobrecarga no persoal, que ten que prestar os mesmos servizos con menos efectivos e acudir a realización “voluntaria” de horas extras que no caso dalgún colectivo como o SAF, quedaron sen compensar nin pagar .

“Todo o descrito, sumado á precariedade salarial na que nos atopamos os/as traballadores/as, especialmente o persoal laboral e funcionario que pertence aos grupos máis baixos, está a crear un mal clima laboral, que provoca o pensar en renunciar ao posto fixo de traballo por irse a traballos temporais”, advertiron.

Reiteraron que “está en mans da alcaldesa poñer remedio a esta situación, que vai en prexuízo da calidade dos servizos que prestamos ao pobo de Cariño” e pediron comprensión e apoio á veciñanza pois “as nosas reivindicacións contribuirán a unha mellora dos servizos prestados”.