O persoal do Concello de Cambre reclama unha mellora das condicións laborais e unha RPT xusta
Traballadores e traballadoras do Concello de Cambre concentráronse este luns diante da Casa Consistorial para reclamar unha mellora das condicións laborais e que o Goberno municipal negocie unha nova Relación de Postos de Traballo xusta para o conxunto do persoal. A protesta desenvolveuse coincidindo coa convocatoria da mesa xeral de negociación á que a Xunta de Persoal acordou non acudir por non incluír cuestións laborais que se levan anos demandando.
O órgano de representación critica que o Goberno municipal convocou esta mesa para abordar só aqueles temas que lle interesan, ignorando os problemas e asuntos que afectan a todo o persoal "e polos que levamos meses e anos pelexando". Cuestións como a actualización da RPT (a actual data de 1999); o desenvolvemento da carreira administrativa, que é un dereito do persoal funcionario "que en Cambre non existe"; o reestabelecemento do horario de 35 horas; o pago das axudas sociais correspondentes a 2022; ou a revisión da aplicación do regulación da produtividade.
Xunto a isto, a representación do persoal reclama concretar como e cando se abonarán os pagos pendentes a traballadores e traballadoras; mellorar a vixilancia da saúde e a prevención de riscos; a cobertura urxente das vacantes temporais; e desenvolver as OEP pendentes e os procesos de estabilización.
Nestas materias, denuncian, "non se ten avanzado nada", e malia que si foron tratadas nunha reunión informal, non apareceron reflectidas na orde do día da mesa xeral fixada para este luns, que só incluía a modificación parcial da RPT. E mesmo neste punto, indica a Xunta de Persoal, falta información relevante para poder negociar, xa que "non se indica como se realiza o cálculo do complemento específico asignado e non se achegan informes da secretaria e da interventora".
Por estes motivos, a Xunta de Persoal (CIG, UGT, CSIF e o representante laboral de CCOO) acordou por maioría non acudir á mesa de negociación e convocar esta concentración. Non obstante, subliñan que a situación "pode reconducirse convocando unha nova mesa que inclúa asuntos para os que xa temos solicitada a mesa con anterioridade, para darlles solución dunha vez", pois o obxectivo "é mellorar as condicións de todos os traballadores e as traballadoras do Concello".