O persoal do comercio do metal de Pontevedra convoca mobilizacións para reclamar un convenio digno
O persoal do sector do comercio do metal da provincia de Pontevedra acordou en asemblea iniciar un calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno, xa que o anterior leva dous anos caducado. Os sindicatos maioritarios porán en marcha unha campaña de información entre os traballadores/as e desenvolverán unha concentración en Vigo o vindeiro 8 de xuño para rexeitar a última “proposta miserenta” achegada pola patronal, ao tempo que adiantan a posibilidade de convocar folga.
A decisión foi adoptada na asemblea que tivo lugar o pasado domingo no local da CIG de Vigo, que foi promovida pola propia central nacionalista -que ten a maioría absoluta da representación sindical no sector- xunto a CCOO e UGT. No encontro as centrais informaron do estado no que se atopan as negociación para renovar un convenio colectivo que leva dous anos caducado.
En concreto, abordouse a “miserenta oferta” achegada polo empresariado na última reunión: vixencia do convenio dende 2020 a 2023, sen incremento salarial nos dous primeiros anos anos, mentres que para 2022 ofrecen un 6,5% (dende xaneiro e sen revisión salarial) e para 2023 a suba sería do 3% “con revisión salarial topada nun 4%”. A proposta non contempla nin redución de xornada nin outras melloras das condicións laborais.
En consecuencia, os traballadores/as e as centrais sindicais tomaron a decisión de comezar unha campaña de información a nivel provincial e convocar para o 8 de xuño cunha primeira concentración en Vigo diante dunha das empresas presentes na mesa de negociación. Ao mesmo tempo, adiantaron que non descartan unha posíbel convocatoria de folga para defender os intereses do persoal do sector.
O convenio colectivo do sector do comercio metal abrangue actividades como comercio de electrodomésticos, ferretería e material de oficina; recambios e accesorios de vehículos; almacenistas-maioristas de material eléctrico; maquinaria en xeral; xoiaría, prataría, reloxaría, así como concesionarios de vehículos e establecementos de venda de neumáticos.