O persoal do comercio de alimentación pontevedrés ratifica en asemblea o preacordo de convenio
O persoal do comercio de alimentación a provincia de Pontevedra, no que a CIG conta con maioría absoluta, ratificou o pasado martes nas asembleas celebradas en Vigo e Pontevedra o preacordo de convenio colectivo. O documento establece unha suba salarial dun 4% total nos tres anos de duración e detalla o seu ámbito de aplicación, co obxectivo de que máis sectores resulten beneficiados.
As traballadoras/as que tomaron parte nas asembleas valoraron positivamente o acordo, “dado que mellora as condicións salariais e sociais, sobre todo en varias categorías que promocionan para, co paso de tres anos, poder ter maior salario”, segundo explican dende a CIG-Servizos.
Esta mellora logrouse a pesar dos intentos da patronal de eliminar a antigüidade (6% do salario base en cuadrienios) e de suprimir a promoción profesional. “Pero a presión sindical e das persoas traballadoras do sector fixeron que mudaran o seu propósito”. O acordo final chegou tras oito reunións de convenio e cinco de mediación.
A vixencia pactada foi de 3 anos: 2020, 2021 e 2022. Ademais, estableceuse que a súa aplicación funcional inclúa a todas as empresas dedicadas ao comercio de alimentación, como son as empresas encadradas nas agrupacións de almacenistas de alimentación; minoristas de ultramarinos e similares (ultramarinos, comestibles, charcuterías, fiambrerías e xamonerías); supermercados e autoservizos; cooperativas de consumo e economatos laborais; así como as empresas pertencentes ás agrupacións de caramelos e chocolates, torrefactores de café e para todos os comerciantes e, en xeral, a todas as empresas dos sectores de comercio de alimentación e comercio de gandaría, que en razón da verdadeira actividade que desenvolven, deben figurar encadradas neste convenio colectivo.
Tamén se recolle que as empresas estarán obrigadas a concertar, con primas íntegras ao seu cargo, unha póliza de seguros que cubra os casos de accidente laboral con resultado de morte ou incapacidade permanente total, absoluta e gran invalidez, coas exclusións previstas na normativa legal vixente, na contía de12.000 euros, quedando excluídos da obriga de aseguramento os supostos previstos como exclusións xerais neste tipo de pólizas. A póliza só abarcará os procesos iniciados catro meses despois da publicación deste convenio, co fin de que as empresas poidan negociar e asinar os devanditos contratos de seguro.
Para os efectos deste artigo, a cualificación de accidente de traballo e o seu grao de incapacidade será a que fixen os órganos administrativos, ou no seu caso os órganos xurisdicionais competentes. As indemnizacións que sexan percibidas polas traballadores/as con cargo á póliza que se regula neste artigo consideraranse entregadas a conta das indemnizacións que, no seu caso, se puidesen declarar, con cargo á empresa, compensándose até onde aquelas alcancen.
Promoción profesional
En canto á promoción profesional, fíxase que o persoal que leve máis de tres anos, a partir do 1 de xaneiro de 2021, nas categorías de telefonista e persoal de limpeza pasará ás categorías de nova creación telefonista e persoal de limpeza de máis de tres anos, equiparábel salarialmente á categoría de axudante. O que leve máis de tres anos na categoría de axudante pasará á categoría de mozo/a especializado/a a partir do 1 de xaneiro 2021.
O acordo non elimina nada do convenio actual e introduce melloras económicas e sociais
E o que leve máis de tres anos nas categorías de profesional de oficio de 2ª-chofer de 2ª, pasará á categoría de nova creación oficial de 2ª maior-chofer de 2º maior, categorías de nova creación equiparábeis salarialmente á de dependente maior, en data 01 de xaneiro de 2023.
A respecto dos incrementos salariais, acordáronse sobre táboas e en todos os conceptos, e serán dun 1% en 2020; dun 1,5% en 2021; e dun 1,5% en 2022.
Ao mesmo tempo, pactouse a creación dunha comisión especial que se reunirá con orde do día e periodicamente para tratar cuestións referidas á clasificación profesional, á xornada e en xeral a aqueles puntos que se consideren necesarios polas partes para a negociación do próximo convenio colectivo. Tamén se constituirán comisións para abordar os plans de igualdade, a transparencia retributiva e a fenda salarial.
Dende a federación de Servizos valoran moi positivamente o acordo, “dado que non se elimina nada do que estaba no convenio actual e se introducen melloras económicas e sociais”, e agradecen a todas as persoas traballadoras do sector do comercio de alimentación, “actividade esencial tal e como quedou demostrado durante a pandemia”, a súa participación no proceso e a confianza depositada na CIG.