O persoal do comercio de alimentación de Ourense fai historia cunha nova mobilización masiva

O sector viviu o sábado a terceira xornada de folga e milleiros de persoas participaron na manifestación
Ourense - 09 Xun 2025

O comercio de alimentación da provincia de Ourense viviu este sábado unha xornada histórica coincidindo co terceiro día de folga convocado no sector para reclamar un convenio colectivo digno. O paro volveu ter unha incidencia case total e milleiros de persoas botáronse á rúa na cidade convocadas pola CIG, CCOO, UGT e USO.

 

A terceira xornada de folga volveu paralizar a actividade nos supermercados de Gadis, Froiz e Cuevas, os tres principais grupos empresariais do sector afectados polo convenio colectivo. Novamente a presenza de piquetes informativos fíxose evidente dende primeira hora da mañá tanto na cidade como nas vilas. Xa ao mediodía unha concorrida manifestación percorreu as rúas de Ourense dende a Casa Sindical até o Concello.

Os paros do venres e do sábado chegaron tras dúas xornadas de negociación coa mediación do Consello Galego de relacións laborais, nas que a patronal presentou unha oferta totalmente insuficiente. Os sindicatos propuxeron dúas alternativas: un convenio de catro anos con promoción automática do grupo IV ao III aos seis meses; ou un convenio de tres anos con promoción automática do grupo IV ao III aos 12 meses.

As táboas salariais do grupo IV serían de 17.750 euros para 2025, 18.637,50 para 2026, 19.196,63 para 2027 e 19.772,52 para 2028. E do grupo III, 18.100 para 2025, 19.500 para 2026, 20.200 para 2027 e 21.000 para 2028.

“A resposta do empresariado foi solicitar media hora de receso para posteriormente rexeitar todo”, denuncian dende a parte social. Polo que decidiron celebrar as asembleas para informar o persoal, que optou por facer efectiva a folga.