O persoal do CHUAC volve mobilizarse en demanda de medidas urxentes para garantir un traballo seguro

A Coruña - 06 Feb 2025

Traballadoras e traballadores do CHUAC volvéronse mobilizar este xoves no Hospital da Coruña para exixir medidas urxentes e inmediatas "ante a situación de indefensión que sofre o persoal do Complexo". Ao berro de "coa nosa saúde no se xoga" e "seguridade para os/as doentes", o persoal saíu en manifestación dende o servizo de urxencias até un hospital de doentes fortemente custodiado pola policía, onde reclamou a dimisión do xerente.

A presidenta da Comisión de Centro, María Formoso, denuncia que a pesar das delegadas e delegados de prevención de riscos telo solicitado na reunión extraordinaria do comité de seguridade e saúde, "a data de hoxe descoñecemos os protocolos específicos de actuación e seguridade fronte a doentes potencialmente agresivos/as".

Na reunión que tivo lugar este mércores, a Xerencia presentou un “protocolo de actuación en urxencias psiquiátricas” do ano 2012, "do que o persoal non tiña coñecemento, como quedou de manifesto no comité de seguridade e saúde".

A Comisión de Centro esixe a aplicación de medidas "sen máis demora" ante a situación de desprotección na que se atopa o persoal do Complexo para minimizar así os riscos aos que están sometido.

Entre outras, reclaman a implantación inmediata dos protocolos de actuación e seguridade para todas/os as/os profesionais; circuítos de atención definidos; incremento das presenzas e equipos de seguridade; espazos adecuados de atención ás/ós doentes de perfil agresivo en urxencias; incremento da capacidade da unidade de agudos; e profesionais especialistas suficientes para dar cobertura as necesidades da poboación da Coruña e a súa área.

Formoso reitera que a agresión rexistrada o pasado luns" non tiña que ter acontecido", e por iso reitera que as mobilizacións e as accións sindicais continuarán mentres non se garanta un entorno seguro de traballo.

De feito, para a xornada deste venres está convocada unha manifestación no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee (que pertence á mesma área sanitaria) en solidariedade cos compañeiros agredidos e para reclamar máis seguridade.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.