O persoal do CHUAC continúa mobilizándose porque a situación de risco "non mudou"

Denuncian que a pesar dos compromisos, a Xerencia non puxo en marcha as medidas necesarias
A Coruña - 20 Feb 2025

Traballadoras e traballadores do CHUAC volveron manifestarse este xoves arredor do Hospital da Coruña para reclamar un entorno seguro para o persoal e as persoas doentes. Denuncian que a situación de risco do complexo "non mudou" dende a agresión nas urxencias do pasado 3 de febreiro, a pesar da Xerencia trasladar a intención de poñer solucións "á maior brevidade posíbel".

Aproveitando a visita do conselleiro de Sanidade no día de onte ao hospital coruñés, a presidenta da comisión de centro, María Formoso (CIG) fíxolle entrega dun documento elaborado polas propias traballadoras cunha serie de medidas para implementar de xeito urxente. "A Xerencia desta área sanitaria xa posuía este documento dende o 17 de febreiro, a Comisión de Centro do CHUAC solicitoulle reunión extraordinaria coa presenza de traballadores/as do servizo, pero a data de hoxe non temos resposta", critica.

Algunhas destas medidas de inmediata implantación que se propoñen, apunta Formoso, son a presenza permanente de dous gardas de seguridade 24 h, sistemas de alerta rápidos mediante botóns do pánico (en controis, salas de información e admisión, nos boxes onde se atenden ás persoas doentes e a través do sistema informático ) e pulseiras do pánico ou vixilancias individualizadas cun/ha único/a paciente por profesional.

Tamén que os traslados das e dos doente axitados/agresivos sexan con acompañamento de seguridade en todo momento, con ratios de persoal na unidade adecuados, a desaparición dos boxes de contención e a designación dunha zona segura para atender estas persoas, especialistas en psiquiatría de presenza física 24 h, redución dos tempos de permanencia para as e os doentes de saúde mental, crear e publicitar os protocolos para garantir a seguridade e saúde de doentes e profesionais, formación para todo o persoal, e recursos suficientes para poñer en práctica estes protocolos.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.