O persoal de AIMEN do Porriño seguirá con paros e protestas por uns salarios dignos
O cadro de persoal do Centro Tecnolóxico AIMEN do Porriño decidiu continuar cos paros parciais e as mobilizacións en demanda duns salarios dignos ante a conxelación de soldos que pretende a dirección desta asociación empresarial privada sen ánimo de lucro. As medidas de presión terán lugar o vindeiro martes 27 e consistirán nun paro dunha hora e nunha concentración diante das instalacións do centro de aplicacións láser no polígono de Cataboi de 11:00 a 12:00 horas.
Esta nova xornada de protestas chegará tras a celebrada onte, na que un importante número de traballadores/as secundou o paro convocado tamén de 11:00 a 12:00 horas e participou na concentración que se desenvolveu diante da empresa, en Torneiros, no mesmo horario.
Dende o comité de empresa (6 representantes da CIG e 2 independentes) explican que lle propuxeron ao cadro de persoal comezar coas protestas tras constatar que AIMEN non está disposto a actualizar os soldos. “Levamos dende xaneiro negociando un acordo de empresa e chegamos a pactos sobre os horarios e na forma en que se aplica o plus de transporte, pero á hora de establecer o incremento salarial néganse argumentando que están en perdas e que o fan para garantir a viabilidade da compañía”, explican dende a CIG en AIMEN.
Neste senso, consideran que a viabilidade da empresa non pode depender unicamente dos soldos dos traballadores/as, ao tempo que lembran que AIMEN prevé aumentar este ano a súa facturación nuns dous millóns de euros, pasando dos máis de 17 do ano pasado aos cerca de 20 do actual. De feito, o propio presidente da empresa aseguraba recentemente que a carga de traballo, con importantes proxectos internacionais en carteira, non deixaba de medrar nos últimos tempos.
A derradeira proposta achegada pola dirección contempla unha prima de pago para o ano que vén condicionada aos resultados económicos, algo que rexeitan dende a parte social lembrando que o ano pasado xa se produciu unha suba de soldos desigual entre os 290 traballadores/as.