O persoal do Centro de Saúde de Monforte mobilízase en repulsa a unha nova agresión verbal

Advirten do incremento deste tipo de incidencias paralelo ao deterioro do propio sistema sanitario público
Monforte - 13 Mar 2026

Traballadoras e traballadores do Centro de Saúde de Monforte concentráronse baixo lema “Coida a quen te coida. Stop agresións”, en repulsa ao incremento da violencia verbal e física contra o persoal sanitario e non sanitario por parte das persoas usuarias.

Lembran que hai unha semana se rexistrou un episodio moi grave no Hospital de Monforte e o pasado martes houbo un altercado no centro de saúde que, dada a gravidade, requiriu a intervención das forzas de seguridade. A hostilidade desmedida da usuaria contra a profesional desatouse porque nun principio foi atendida en galego.

“Antes estes incidentes eran casos puntuais, pero agora cada vez son máis habituais, de feito en cuestión de pouco tempo rexistráronse tres altercados nesta institución sanitaria que foron comunicados polo Protocolo de plan específico para a prevención da violencia externa do SERGAS”, advirte Vicente Vázquez, secretario local da CIG-Saúde de Monforte.

Engade que estes feitos non son casos illados, senón que cada vez son máis habituais na sanidade pública e po como exemplo o Centro de Saúde de Monforte “no que cada pouco se producen casos de agresións cara ao persoal sanitario e non sanitario, producíndose incluso hai uns anos unha agresión física a dúas profesionais deste servizo de Atención Primaria”.

Vázquez indica que as e os profesionais sanitarios e non sanitarios “comprenden que, en moitas ocasións, as persoas usuarias acoden ao centro de saúde con preocupación, nerviosismo ou malestar derivados dos seus problemas de saúde ou das dificultades do propio sistema sanitario, con tempos de espera ou elevada carga asistencial. Pero isto non é xustificación para que reaccionen con agresións verbais ou comportamentos irrespectuosos cara aos profesionais e ás profesionais do SERGAS”.

A CIG-Saúde quere mostrar o seu total apoio ao persoal do Centro de Saúde de Monforte e a súa repulsa aos comportamentos agresivos. E lembra que este tipo de actitudes teñen consecuencias como o cambio de profesional ou a adscrición a un centro sanitario diferente.