O persoal do BBVA secunda masivamente a 2ª xornada de folga contra o ERE
As traballadoras e traballadores do BBVA secundan este mércores unha nova xornada de folga para esixir da entidade que retire os despedimentos e cese no seu intento de precarizar as condicións laborais. O paro está rexistrando un seguimento practicamente do 100% en toda Galiza, polo que a maioría das oficinas do BBVA están hoxe sen actividade. Ademais, para visibilizar a súa loita, centos de traballadores e traballadoras desprazáronse até A Coruña para participar na manifestación convocada polas organizacións sindicais en rexeitamento ao ERE e ao peche de oficinas.
A poucos días de que remate o período de consultas, o persoal do BBVA deu hoxe unha nova mostra da súa capacidade de loita, que se vén sumar ás mobilizacións e aos paros laborais realizados previamente e á exitosa xornada de folga de 24 horas desenvolvida o mércores da pasada semana. Unha resposta que, valorou Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG, sindicato maioritario no BBVA en Galiza, "o banco non pode ignorar. A dirección ten que escoitar o clamor unánime dos/as traballadores/as pedindo a retirada deste ERE".
Non existen causas para os despedimentos
Fenández cualificou de "inadmisíbel" a postura da empresa "que despois de mes e medio do período de consultas non está negociando absolutamente nada. O banco di que rebaixa o número de despedimentos, pero o que fai é pasar estas persoas a servizos de telemarkéting, empeorándolle as condicións laborais e incrementándolle a xornada", alertou.
Denuncia que BBVA pretenda que a maioría dos despedimentos sexan de persoas menores de 50 anos, aínda que con carácter xeral, e especialmente no caso galego, "sería posíbel afrontar toda as saídas con prexubilacións". Xunto a isto, o representante da CIG critica que non existe a voluntariedade da que fala o banco "toda vez que se reserva decidir a quen despedirá e, ademais, mantén o criterio de «produtividade», que é totalmente subxectivo".
Para máis abundar, na reunión de onte, o BBVA indicou que a mobilidade xeográfica afecta ás 11.244 persoas potencialmente afectadas polo expediente, "o que quere dicir que trasladará a quen non acepte marchar «voluntariamente' do banco". O representante sindical salientou que "se o banco quere negociar outras alternativas estamos en disposición de falar, pero o que non pode facer é seguir adiante con este ERE inxusto e inxustificado".
Sobre as causas do expediente de extinción, no manifesto conxunto lido ao remate da mobilización, reiterouse que os despedimentos que pretende aplicar o banco "non teñen xustificación ningunha" nin do punto de vista económico (o BBVA ten beneficios mil millonarios) nin organizativo, pois é a propia entidade quen está botando fóra das oficinas á clientela e forzando a súa dixitalización, ao eliminar e/ou recortar os servizos e os horarios de caixa.
"Non é que a clientela non queira vir ás oficinas, é que o banco a está expulsando, que nolo pregunten a quen traballamos na rede. Nós, mellor que ninguén, sabemos do tema, atendemos de primeira man a clientela e coñecemos as súas necesidades e as súas demandas", afirmouse.
Un ERE facilitado pola reforma laboral
Este modelo de banca dixital promovido polas entidades afonda na exclusión financeira que sofren cada vez máis territorios e amplos sectores sociais, pero ademais, advertiu Fernández, xera un novo modelo de relación coa clientela baseado en ofertar dispoñibilidade horaria absoluta do «xestor/a en remoto». "A maior parte deste persoal en remoto está comendo no banco e facendo xornadas de 10-11 horas diarias. Un modelo infame, insostíbel, que afecta á conciliación e a saúde das persoas e contra o que non imos parar de loitar", asegurou.
A este respecto, durante a manifestación de hoxe denunciouse que o BBVA se está a aproveitar "dunha reforma laboral non derrogada, que facilita que empresas con beneficios poidan despedir sen ningunha supervisión, ou modificar de forma unilateral as condicións de traballo das persoas trasladándoas a centos de quilómetros con compensacións ridículas, sen importarlle o máis mínimo as súas circunstancias vitais".
Diante desas agresións, a representación social subliñou que "xa non hai escusas", e reclamou do goberno español "que cumpra os seus compromisos e non siga permitindo os abusos de empresas como BBVA".
Non se asinarán propostas que non garantan unha auténtica voluntariedade
E na mesma liña, mandóuselle un recado claro á dirección: o cadro de persoal do BBVA non vai parar de mobilizarse e os sindicatos "non imos darlle o visto bo asinando unha proposta que non garanta unha auténtica voluntariedade das persoas traballadoras e seguiremos dando a contestación que se merece". "Non é de recibo e non ten xustificación algunha. Quen producimos somos nós e o resultado do noso traballo é o que enche os petos dos accionistas e da dirección", aseveraron.
O próximo venres remata o período de consultas, pero o persoal xa advertiu que continuará mobilizándose pola retirada dos despedimentos, en defensa dunhas condicións laborais e para que se garanta a prestación de servizos de calidade á clientela.