O persoal do almacén de Lidl, que leva máis de 40 días en folga, mobilízase coincidindo co xuízo contra a empresa
Coincidindo coa celebración do xuízo contra Lidl por vulneración do dereito fundamental á folga, os traballadores e traballadoras do almacén loxístico de Narón concentráronse este martes diante dos xulgados de Ferrol en defensa dos seus dereitos e para reclamarlle á empresa que, dunha vez, sente negociar.
O persoal está en folga indefinida dende o pasado 14 de febreiro para demandar o cumprimento do convenio, un reforzo do persoal e unha mellora nas condicións de traballo. Porén, a única resposta das empresa até o momento foi intentar boicotear a folga por todos os medios ao seu alcance.
Suplantar folguistas e desvío do traballo
Precisamente, ás portas dos xulgados, Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, subliñou que o persoal leva máis de 40 días en folga pero dende o primeiro día a empresa estivo vulnerando a folga: primeiro, traendo traballadores/as de fóra de Galiza que durante unha semana estiveron realizando as tarefas dentro do almacén, incluso facendo quenda nocturna, cando de habitual non se fai.
Despois da visita da Inspección, a empresa paralizou esta práctica pero seguiu coas actuacións vulneradoras da maneira "máis sutil e impresentábel": desviando a subministración. Os supermercados Lidl de Galiza, Asturies e parte de León abastécense coa mercadoría que lles chega do almacén de Narón, pero a compañía reorganizou o traballo en pleno paro indefinido para subministrar estas tendas a través dos almacéns de Euskadi e Madrid.
"Se despois de 40 días de folga as tendas teñen produtos e están coas persianas subidas, parece claro cal é o motivo e de onde chega a mercadoría", apuntou Hugo Fernández, secretario do comité, subliñando que deste xeito Lidl deixa sen efecto a folga, e de aí a denuncia por vulneración de dereitos fundamentais.
"Temos que chegar a xuízo para que a empresa non siga vulnerando o dereito fundamental á folga e que o persoal poida exercelo con todas as garantías", aseverou Padín.
A empresa non quere negociar
Abundando nesta cuestión, Hugo Fernández criticou con dureza a actitude da empresa que neste mes e medio non fixo nin amago de abrir unha vía de negociación para tentar resolver o conflito. "Os traballadores/as non lles importamos, nin o que demandamos. A empresa mantén unha actitude totalmente chulesca, non quere negociar e limítase a reforzar o servizo de seguridade privada como se foramos delincuentes".
"Ademais das ilegalidades que comete, Lidl está demostrando que non ten respecto polo seus empregados/as", lamentou.
Fronte á posición patronal, o secretario do comité puxo en valor a loita que o conxunto dos traballadores e traballadoras do almacén vén sostendo dende o pasado 14 de febreiro, coas dificultades económicas que conleva soportar unha folga tan longa. Mais o seguimento é masivo e incluso persoal eventual, cunha situación contractual máis feble, tamén está secundando o paro.
Neste senso, Fernández engadiu que o comportamento da empresa en lugar de desanimar o persoal, "estanos dando azos para seguir na loita. Porque son moitos os incumprimentos cometidos nestes últimos anos e temos que lograr unha solución". Lembrou que dende a mediación celebrada o 13 de febreiro, non houbo máis contacto coa empresa, xa que se nega a recibir as demandas sociais.
"Limítase a dicirnos que pedimos imposíbeis cando o único que reclamamos son máis contratos indefinidos e menos contratos a tempo parcial" para poder afrontar a carga de traballo e non superar, como se fai a cotío, o número máximo de horas extraordinarias anuais que permite o Estatuto das Persoas Traballadoras.
Andaina reivindicativa este mércores
Así as cousas, o xuízo prolongouse durante varias horas ao presentarse numerosas testemuñas por ambas partes. Ágora, á espera do resultado da sentenza, os traballadores e traballadoras continúan adiante coa súa loita e para este mércores teñen programada unha andaina reivindicativa con saída ás 17h do edificio da Xunta en Ferrol e remate na tenda Lidl da Gándara.