O persoal do almacén de Lidl, en folga dende o 14 de febreiro, concéntrase diante da Xunta en demanda da súa mediación
O persoal do almacén de Lidl en Narón, que está en folga indefinida dende o pasado 14 de febreiro para reclamar o cumprimento do convenio colectivo, concentrouse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano en Compostela.
Traballadoras e traballadores de Lidl permaneceron ás portas da Xunta entre as 10:00 e as 11:00 horas, coa música a toda a voz e berrando consignas, para demandar a mediación do goberno galego ante a vulneración reiterada do dereito á folga e a prolongación innecesaria do conflito por parte da empresa.
Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, denuncia que a dirección mantén unha “postura inmobilista”, negándose a negociar coa representación do persoal e actuando con “absoluta prepotencia”.
Neste sentido, lembra que, desde o primeiro día, Lidl quixo deixar sen efecto o paro suplindo primeiro aos traballadores e traballadoras en folga introducindo ás agachadas persoal alleo ás instalacións (práctica que foi denunciada na Inspección de Traballo) e, despois das visitas da Inspección, enviando os produtos ás tendas desde outros almacéns.
Vulneración do dereito á folga
"Estas actuacións constitúen unha clara vulneración do dereito fundamental á folga, que xa tivemos que denunciar na Inspección de Traballo e nos xulgados", subliña Martínez Padín.
A representante da CIG apunta que a última denuncia púxose o pasado sábado no xulgado de garda de Ferrol, logo de comprobar como a empresa enviara camións cargados de mercadorías desde os almacéns de Euskadi ou Madrid para abastecer as tendas galegas e da zona noroeste.