O persoal do almacén de Lidl continúa adiante coa folga indefinida malia os intentos de esquirolaxe da empresa
Os traballadores e as traballadoras do almacén loxístico de Lidl en Narón continúan coa folga indefinida iniciada o pasado 14 de febreiro en demanda do cumprimento do convenio colectivo. Reclaman un reforzo urxente do persoal ante a sobrecarga de traballo que existe no centro e que obriga a que, por sistema, as persoas que xa fan unha xornada de 40 horas á semana teñan que realizar horas extraordinarias a esgalla.
Ademais do paro, que rexistra un seguimento do 100% entre o persoal indefinido, para dar máis visibilidade a súa loita, os traballadores e as traballadoras concentráronse este venres diante do supermercado que a compañía ten no Polígono da Gándara (Ferrol), a onde volverán o próximo luns ás 11:30h.
Dende o inicio da folga, a empresa non fixo ningún intento de achegar posturas e resolver o conflito, senón todo o contrario: puxo en práctica unha política de esquirolaxe que xa foi denunciada na Inspección de Traballo por vulnerar o dereito fundamental á folga. Aínda que o organismo inspector xa xirou varias visitas ás instalacións, explica Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, de momento non emitiu unha resolución ao respecto.
Neste senso, Martínez Padín critica as trabas postas pola dirección da empresa á Inspección, xa que nun primeiro momento nin sequera lle permitiu a entrada a todas as zonas das instalacións, denegándolle o paso ás oficinas, "que é onde sospeitamos que agochan ao persoal co que pretenden substituír os traballadores e traballadoras que están en folga".
A maiores, o pasado mércores, a CIG presentou unha nova denuncia na Inspección de Traballo contra Lidl porque está traendo produtos doutros almacéns loxísticos aos supermercados que se abastecen dende as instalacións de Narón. Deste xeito, en pleno paro laboral, Lidl reorganiza a distribución e desvía a carga de traballo propia de Narón a outros almacéns, desvirtuando así os efectos inherentes á folga. Por este motivo, avanza a representante sindical, tamén "presentaremos denuncia na vía xudicial por vulneración do dereito fundamental á folga".
Os intentos de boicotear o paro indefinido e a falta de interlocución por parte da empresa, que nin sequera intentou abrir unha vía de negociación, están provocando un maior descontento entre os traballadores e as traballadoras "que non cesará na súa loita até que as lexítimas demandas sexan atendidas".
Catro anos denunciando os incumprimentos
Cómpre lembrar que o comité leva catro anos denunciando na Inspección de Traballo os múltiples incumprimentos do convenio e tentando negociar coa empresa un acordo que mellore as condicións laborais, mais sen éxito ningún. O problema máis grave, apunta Martínez Padín, é o exceso continuado de xornada que está a facer o persoal indefinido con contrato a tempo completo, posto que supera as 80 horas extraordinarias ao ano que estabelece como máximo o Estatuto das persoas traballadoras.
Pero, a pesar das propostas da representación social e do estabelecido no convenio da empresa, a dirección négase a reforzar o cadro de persoal e a ampliarlle as xornadas as persoas con contrato a tempo parcial, para poder afrontar así o volume de traballo e evitar a sobrecarga laboral.
Ademais con esta folga tamén se quere dar resposta as pretensións da empresa de eliminar os dereitos do persoal. Cómpre indicar que até 2016, o almacén loxístico rexíase polo convenio provincial de comercio de alimentación, mais nese ano Lidl comezou a aplicar o seu convenio propio, comprometéndose a manter os dereitos adquiridos. Entre outros, que se considere como tempo efectivo de traballo os 20 minutos de descanso.
Porén, apunta Martínez Padín, hai unhas semanas, Lidl comunicoulle a todo o persoal con contrato anterior a 2016 que este tempo de descanso deixaba de computar como xornada traballada, obrigando a recuperar este tempo ou pretendendo rebaixarlle o contrato de 40 a 37h/semanais a quen se negue.
Concentracións os días 27 de febreiro e 2 de marzo
Así as cousas, o persoal continúa adiante coa folga indefinida para enfrontar os abusos da empresa, reclamar que se cumpra co estabelecido no convenio e que se garantan os dereitos laborais. Alén do piquete informativo que permanece ás portas do almacén de maneira continuada, o próximo luns, 27 de febreiro, o persoal volverase concentrar ás 11:30h diante do supermercado Lidl do Polígono da Gándara e, de seguir sen avances, repetirán a protesta o xoves 2 de marzo.