O persoal do aeroporto Rosalía de Castro manifestarase este xoves en defensa da cantina
O persoal das empresas que operan no aeroporto de Lavacolla, “Rosalía de Castro”, manifestarase este xoves, día 16 de maio, ás 11:30 horas, desde a rotonda até o edificio aeroportuario. Unha mobilización que rematará cun 'picnic', na propia terminal de saídas, para simbolizar que esta será a única alternativa que lles quede, dada a precariedade laboral que sofren a maioría das traballadoras e traballadores, se finalmente se pecha a cantina. Así o anunciaron as/os representantes do comité intercentros esta mesma mañá en rolda de prensa.
O persoal denunciou tamén a actitude do director do aeroporto, Ricardo López, por non responder aínda á petición de celebrar unha xuntanza conxunta, transcorrido case un mes desde que o solicitaron.
Xunto a isto denunciaron a resposta do director dos aeroportos do grupo 2 (no que se encadra o Rosalía de Castro), Julián Cámara, quen rexeitou reunirse con eles alegando que, en todo caso, só se reuniría con representantes sindicais de AENA.
Na resposta remitida por escrito por Cámara explicaron que, en todo caso, este explica que na licitación da cantina se dará unha maior puntuación ás empresas que fagan prezos especiais para as/os traballadoras/es aeroportuarios. Para o persoal isto non resolve a situación xa que, nin se garanten os prezos que teñen actualmente, nin se descarta que o servizo de cantina quede sen licitar.
Apoio institucional
Representantes do comité intercentros reuníronse nas últimas semanas co concello de Santiago e con todos os grupos parlamentarios. Desde o concello de Santiago emitiuse unha declaración institucional e todo o arco parlamentario asumiu como propia unha Proposición non de Lei na que se insta á Xunta de Galiza a “exixir á dirección de AENA en Santiago de Compostela que reciba á representación sindical dos traballadores e traballadoras para que poidan trasladarlles as súas preocupacións”.
Xunto a isto solicítase a AENA que introduza nos pregos de licitación do novo servizo de restauración as cláusulas necesarias que garantan, en calquera caso, “o mantemento dun servizo de comedor nas condicións vixentes previstas no prego da cantina”.
Ademais maniféstase o apoio “ás reivindicacións do Comité de Centros do aeroporto na reclamación relativa ao mantemento das condicións do servizo de comedor actualmente existente no aeroporto de Santiago para todos os traballadores e traballadoras”.
Estes mesmos argumentos son os recollidos na Declaración Institucional do concello de Santiago, na que se lembra que a cantina leva 64 anos funcionando de maneira ininterrompida; que AENA, na licitación do servizo de restauración “pretende segregar os servizos que se prestan hoxe en día”, coa licitación das tres cafeterías de uso público que gozan de maior atractivo comercial para as empresas e, por outra banda, coa licitación separada do servizo de cantina.
A declaración subliña a preocupación das traballadoras e traballadores diante destas licitacións porque “polo acontecido noutros aeroportos do Estado, como Tenerife Sur ou Sevilla, existe un risco real de que a licitación da cantina, por ser menos atractiva para as licitadoras, quede deserta, cos graves prexuízos e agravios que iso suporía” para o persoal do aeroporto.
Prexuízos aos que se engadiría a destrución dun mínimo de catro postos de traballo correspondentes ás persoas que prestan o servizo na actualidade “así como a perda de poder adquisitivo do persoal do aeroporto ao verse obrigados a aboar o prezo existente para o público en xeral”.
Unha situación que é aínda máis prexudicial para as traballadoras e traballadores en situación máis precaria, que teñen até dous ou tres postos de traballo diferentes nunha mesma xornada laboral.