O persoal do aeroporto Rosalía de Castro enterra a cantina en demanda de que non se peche
Traballadoras e traballadores das distintas empresas que operan no aeroporto Rosalía de Castro acompañaron, cun cortexo fúnebre e baixo un intenso orballo, o cadaleito cos restos da cantina, desde a ‘rotonda do Lorenzo’ até a terminal de saídas. Unha vez alí oficiouse o funeral da súa prezada veciña de Lavacolla, á que honraron logo de 64 anos de servizo ininterrompido.
Con este acto simbólico, convocado polo Comité Intercentros, denunciaban a decisión de sacar o concurso da cantina por separado do de concesión dos outros restaurantes, por vez primeira, e o risco de que a concesión quede deserta, como ocorreu en aeroportos como o de Tenerife Sur ou Sevilla, entre outros, o que levaría ao seu peche.
Para as arredor de 1.100 traballadoras e traballadores do aeroporto isto tería importantes consecuencias económicas, porque se verían obrigadas/os a utilizar os servizos de restauración das pasaxeiras e pasaxeiros, moito máis caros.
Para exemplificalo, o delegado da CIG e membro do comité de AENA, Pablo de Prado, explica que “teriamos que pagar máis do dobre do que pagamos agora polos produtos que consumimos na cantina de persoal: por un menú os 16€, de media que custa e por un simple café 2,20€”.
De Prado subliña que isto sería “especialmente gravoso” porque o persoal xa é vítima dunha alarmante precariedade laboral, con salarios que na súa maioría nin chegan aos 1.000 euros. “A xente ten que saber que nós non podemos saír do aeroporto para ir tomar un café, comer un bocadillo ou un menú en horario laboral, porque sería considerado abandono do posto de traballo. E non só iso, en moitos casos vémonos obrigados –por convenio- a agardar nos nosos postos cando se producen atrasos nos voos, así que tampouco é unha opción esperar ao remate da nosa quenda de traballo para xantar ou tomar un café”.
A isto o representante da CIG engade que unha parte importante do persoal ten que pagar máis de 23 € ao mes por aparcar. “Quen estivo algunha vez no aeroporto sabe que polos arredores non hai sitio ningún para aparcar así que non tes outra que deixar o coche no aparcamento”, denuncia.
A principal demanda do persoal é, xa que logo, que se garanta o mantemento da cantina e que se saque o concurso, como até o de agora, vinculándoa aos servizos de restauración do aeroporto. No seu defecto demandan que se manteñan, para todas as traballadoras e traballadores, os prezos que tiñan no servizo de cantina.
A este respecto Pablo de Prado denuncia que na plica isto só queda garantido para as traballadoras e traballadores de AENA. Por iso considera “clasista” e “discriminatoria” esta diferenciación entre un e outro persoal.
Esta non é a primeira vez que o persoal do aeroporto se mobiliza mais malia as súas demandas ser sinxelas de atender e xustas, aínda non conseguiron obter unha resposta ao respecto. Confían en que despois desta desde a dirección do aeroporto se lles escoite e se busque unha solución satisfactoria para todas as partes.