O persoal do 112 non descarta convocar novas mobilizacións
Transcorrido un ano desde que se iniciou a folga no servizo de atención a emerxencias 112, hoxe compareceu en rolda de prensa o comité de empresa ao completo para denunciar os incumprimentos, por parte da empresa Telemark Spain S.L, do laudo arbitral co que se puxo fin ao conflito. Unha situación diante da que demandaron a intervención da Administración advertindo que, do contrario, retomarán as mobilizacións.
Cando se iniciou a folga do 112 “sobraban motivos para poñernos en pé contra a empresa e contra os abusos da administración. Motivos que son moi parecidos aos que nos levan a estar hoxe aquí”. Así o explicaba a presidenta do comité de empresa, Isabel Moares, quen subliñou que tras 83 días de folga, cando rematou o conflito “agardabamos comezar unha nova etapa onde predominara a paz social”.
Moares asegurou que por parte do persoal se fixo todo o posíbel para que así fora, entendendo que “abrir unha nova etapa sería moi beneficioso para todas as partes”. Porén, fronte a isto, o que ocorreu no decurso deste ano foi que “a empresa leonesa Telemark Spain S.L. actuou de maneira totalmente incomprensíbel dinamitando esa paz tan desexada e preferiu actuar como se dunha vinganza se tratara”.
A presidenta do comité insistiu en que por parte das e dos traballadores se puxo “todo o empeño” en atopar solucións para “pechar as feridas abertas” entre o persoal e a empresa e que mesmo se chegou a solicitar unha nova mediación no AGA que Telemark novamente dinamitou”. Lonxe disto, denunciou, “tentou dividirnos” manobrando para retrasar a aplicación do laudo.
Entre outras cuestións, Carlos Barros sinalou que unha parte do cadro de persoal non está a percibir o plus mensual acordado para paliar os gastos derivados do traslado á Estrada. “O mesmo persoal que ve as súas condicións de traballo precarizadas até extremos nunca vistos na historia do 112”, afirmou.
Xunto a isto, Susana Camba denuncia que no relativo aos horarios “considerabamos que era moi importante, para garantir a paz social, que se regularan de forma negociada co persoal para facilitar a conciliación”.
Precisamente respecto desta cuestión, o laudo contemplaba a constitución dunha mesa técnica conformada polo comité e pola empresa para ir negociando un horario satisfactorio para as partes que, porén Telemark “dilatou e rebentou tanto nas xuntanzas bilaterais como nas celebradas no AGA”.
“Non temos medo”
O comité responsabiliza á empresa da situación e demanda da administración que evite escenarios que “ninguén quere vivir”. Escenarios aos que se chegará se non se articulan solucións, porque “agora o persoal do 112 é forte e non temos medo. Esta é unha das grandes leccións que aprendemos na folga”.
Moares lembra que os laudos arbitrais son de obrigado cumprimento para as partes e subliña que é a administración quen ten que garantir que así sexa. En todo caso o comité de empresa advirte que “non imos consentir que nos rouben aquilo que nos corresponde nin a nós nin a cidadanía”.
Subliña que o 112 é un servizo público, financiado con cartos públicos, pero xestionado por unha empresa privada que obtén os seus beneficios a custe de manter ás traballadoras e traballadores en condicións laborais precarias. Por iso traslada a “determinación” do comité de empresa de buscar todas as vías necesarias para que o laudo arbitral se cumpra en todos os seus aspectos.