O persoal do 112 exixe responsabilidades políticas polo deterioro do servizo
A Asemblea de Traballadores e Traballadoras do 112, en folga indefinida desde o pasado 15 de abril, exixe a asunción de responsabilidades políticas por parte dos dirixentes do Governo autonómico que xestionaron o traslado do 112 á Estrada, tendo en conta que desde que a central de emerxencias foi deslocalizada os tempos de resposta ante as emerxencias disparáronse, ralentizando a xestión dun servizo público esencial para a cidadanía no que a rapidez na mobilización de recursos resulta decisiva. “A neglixente administración dos máis de 8 millóns soterrados na Estrada, en lugar de optimizar o funcionamento do 112, acabou por deteriorar a súa eficiencia”, denuncian.
O Comité de Empresa xa advertira sobre a precipitación nas datas do traslado por causa da inestabilidade da plataforma tecnolóxica, prognóstico que se revelou acertado nun primeiro mes en que a aplicación informática impediu sistematicamente unha resposta áxil e eficiente para a resolución das emerxencias.
Sinala que a día de hoxe, o programa continúa a ralentizar a xestión, obriga o persoal a manterse á espera mentres procesa os datos de maneira reiterada en cada unha das chamadas, en interminables tempos que forzan unha e outra vez a solicitar “un momento, por favor” ás persoas alertantes, que se atopan en moitas ocasións en situacións límite.
Programa informático O comité asegura que o deseño do programa obriga o persoal a efectuar máis do dobre do número de clics para xestionar cada unha das emerxencias con respecto á anterior plataforma tecnolóxica. Non ofrece toda a información necesaria visible en pantalla como o facía a súa predecesora, nin recomenda os recursos precisos para cada unha das emerxencias, ralentizando aínda máis a xestión, dado que os recursos deben ser localizados manualmente nas bases de datos. Denuncian que se colocaron 77 postos para xestión que nunca van ser ocupados e incorporaron un terceiro monitor en cada un dos postos, pero o que realmente importa, a rapidez e eficiencia na xestión, viuse mermada porque a aplicación foi deseñada priorizando criterios alleos aos que require a sala de operacións. Ademais de aínda non estar, nin de lonxe, preparada para servir como é preciso a un servizo de emerxencias. O propio persoal de Atos, a empresa que desenvolveu a aplicación Gemma, acabou por recoñecer a traballadores do 112 que era a primeira vez que lles encargaban un programa sen ter en conta ás persoas que o ían utilizar. |
Tempos de xestión multiplicados
Estiman que os tempos de xestión, aqueles que transcorren entre a recepción da chamada e a mobilización dos recursos, se multiplicaron. Porén, lamentan non poder ofrecer datos concretos porque “a empresa negou reiteradamente ao Comité de Folga o acceso ás estatísticas coas que poderíamos corroborar o que vivimos no día a día do noso traballo, cando sentimos con impotencia non poder desenvolver os nosas funcións coa axilidade que demostrabamos nun servizo cun índice de satisfacción cidadá superior ao 95%”.
De feito, os informes estatísticos que recibía cada traballador/a, indicando as medias dos seus tempos de resposta e xestión, non están a ser entregados ao persoal desde o traslado á Estrada.
Acoso e persecución
Denuncian que “o acoso e a persecución dos e das folguistas por parte de mandos da Xunta en nada favorece tampouco á excelencia que o servizo require”.
Neste sentido, sinalan que onte mesmo, vetaron a entrada ás instalacións ao Comité de Folga -incumprindo a lexislación- coincidindo cun acto en que estaba presente o director xeral de emerxencias, Luís Menor, o principal responsable de que os traballadores e traballadoras se visen obrigados a optar pola folga ao non asumir os compromisos adquiridos antes da renovación da maioría absoluta por parte do PP na Xunta.
A este respecto lembran que o organismo de defensa dos dereitos civís Esculca emitiu o pasado sábado un relatorio que dá conta da actitude da Xunta perante o conflito, empeñada en botar leña ao lume en lugar de ofrecer solucións para unha situación que non beneficia ninguén: http://www.esculca.gal/web/node/6080#.WSRXTBOGMvo
Intervención da Xunta de Galiza
Ante esta situación reclaman enerxicamente que a Xunta adopte as medidas necesarias para identificar e sancionar os dirixentes responsables pola planificación e execución dun gasto neglixente que acabou por deteriorar o servizo. “Continuaremos a folga o tempo que sexa necesario en loita polos nosos dereitos laborais e, consecuentemente, na defensa dun servizo de emerxencias de calidade, ao servizo das persoas”.