O persoal do 061 discriminado nos procesos do SERGAS porque non puntúan os cursos de prevención de Quirón
Nos procesos de selección do SERGAS puntúan os cursos de prevención de riscos laborais. O persoal do 061, como conta cun servizo de prevención alleo, Quirón Prevención, fai con esta entidade os seus cursos. Porén o SERGAS, neses procesos, só puntúa os realizados con entidades públicas, impedindo ao persoal do 061 concorrer en igualdade de condicións respecto do resto de persoal estatutario.
O Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario, na súa disposición adicional Quinta establecía que “os procesos de integración non implicarán a novación dos sistemas de prevención polos cales tivesen optado as institucións do ámbito de aplicación deste decreto, mentres manteñan a súa personalidade xurídica propia.” Polo tanto, a Fundación Publica Urxencias Sanitarias de Galicia 061 (F.P.U.S. 061) conta con uns Servizo de Prevención Alleo que actualmente esta contratado con Quirón Prevención.
SERGAS e 061 rexeitan pasar a un servizo de prevención público
En diferente ocasións posteriores á integración da F.P.U.S. 061, os delegados e delegadas da CIG no 061 solicitaron á dirección “abandonar o sistema de prevención e mutualidade de accidentes de traballo privado e integrarnos nos do Servizo Galego de Saúde”. Petición que sempre foi rexeitada pola Dirección do F.P.U.S. 061 e do Servizo Galego de Saúde.
Enmarcados dentro con contrato asinado con Quirón Prevención, e coa fin de cumprir coa obriga da Lei de Prevención de Riscos Laborais de formar aos traballadores e traballadoras, desde o Servizo de Recursos Humanos da F.P.U.S periodicamente ofértanse cursos de prevención de riscos laborais do catálogo de Quirón Prevención.
Porén, o Servizo Galego de Saúde, nos seus procesos de selección e promoción profesional (OPE, Lista de selección temporal, carreira profesional, ... ), só está a valorar os cursos organizados ou impartidos por entidades públicas, “non tendo tal consideración os servizos de prevención alleos. Polo que o Servizo Galego de Saúde non puntúa nos diferentes procesos os cursos de prevención de riscos laborais de Quirón Prevención realizados polos traballadores da F.P.U.S 061”.
Negativa a buscar unha solución
A CIG-Saúde ten abordado coa Dirección do 061 este problema en diferentes ocasión, a última vez no Comité de Seguridade e Saúde de setembro, obtendo, como nas outras ocasións, unha resposta negativa a buscar calquera tipo de solución para que estes cursos puidesen ser baremables polo Servizo Galego de Saúde. “Solicitamos que a F.P.U.S. 061 figurase como organizadora dos cursos ou que validase os diplomas emitidos por Quirón, obtendo a todas as nosas proposta negativas e indicando incluso que si os traballadores do 061 queren puntos que fagan os cursos do Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS)”.
Por iso denuncian a actitude da Dirección do 061 que “discrimina ao traballadores da F.P.U.S 061 fronte o resto do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde” e exixen unha inmediata solución.