O persoal de Yáñez vai á folga para exixir información sobre o seu futuro

Reclaman saber que vai acontecer coa empresa, cos seus salarios e cos seus postos de traballo
Nacional - 22 Abr 2025

O cadro de persoal de Yáñez denunciaba, con concentracións previas en Ferrol e Coruña e unha final no concesionario de Compostela, a insostible situación laboral que afecta aos centros de traballo da empresa nas tres cidades. As mobilizacións coincidiron coa primeira xornada de folga convocada pola CIG para exixir respostas ás demandas de información do persoal sobre o seu futuro.

Segundo explicou o delegado da CIG na carrocería da Coruña, Jesús Rodríguez, a crise agravouse nos últimos meses con atrasos salariais, condicións laborais precarias e unha grave falta de subministros que impide ao persoal desempeñar as súas funcións.

O cadro de persoal, composto por aproximadamente 120 traballadores e traballadoras (44 en Santiago, entre outros), leva desde setembro de 2024 reclamando á empresa o pagamento puntual dos salarios, que se realizaba fóra dos prazos establecidos no convenio laboral, con datas incertas, o que obrigaba ao persoal a contactar constantemente coa dirección.

Unha situación que se deteriorou nos últimos meses, até o punto de que, segundo explicou Rodríguez, se lles adebeda mes e medio de salarios e de que se lles pagou só a metade do correspondente a un dos períodos. “Esta demora, sumada aos gastos de desprazamento que o persoal debe asumir para acudir aos centros de traballo, supón un empobrecemento significativo para as traballadoras e traballadores”.

Falta de pezas e material

A falta de pezas e materiais é outro problema crítico. O delegado da CIG en Yáñez da Coruña sinala que desde xuño de 2024, os centros de Coruña, Ferrol e Santiago carecen de compoñentes esenciais, como pintura ou recambios, o que imposibilita a reparación de vehículos e a atención aos clientes. Unha carencia que tamén afecta aos departamentos de vendas e recepción, que non dispoñen de coches en exposición nin poden xestionar adecuadamente as demandas.

Os representantes sindicais atribúen esta situación á falta de pagamento aos provedores por parte da empresa, o que levou á marca distribuidora a suspender o subministro. Jesús Rodríguez asegura que a dirección da empresa xustificou inicialmente os atrasos como problemas puntuais de tesourería, “derivados de investimentos erróneos, asegurando que dispoñía de fondos para resolvelos”. Porén, a desaparición do director xerente, único interlocutor co persoal, e a falta de comunicación posterior deixaron ao persoal nun “limbo informativo”.

A chegada dun administrador concursal, sen previo aviso, confirmou a gravidade da crise, que a CIG vincula a malas decisións de investimento. “A nós cando nos mercaron, en 2019, (en referencia á adquisición do centro da Coruña) había un proxecto ilusionante e así se nos trasladou nas xuntanzas que mantivemos coa dirección da empresa e fomos avanzando”, indica Rodríguez.

Preconcurso de acredores

Actualmente, a empresa atópase nun preconcurso de acredores, cun prazo que remata o 8 de xuño de 2025, segundo a última información trasladada. Así as cousas, o único que sabe o persoal é que “todo segue igual” sen propostas concretas.

Por iso a CIG exixe que a dirección ou o administrador concursal presenten solucións urxentes para reverter a situación, xa sexa mediante un plan de viabilidade ou, de ser necesario, unha resolución ordenada do posible peche. Entre as poucas propostas recibidas, mencionouse unha posible redución do 50% do cadro de persoal, o que consideran inaceptable sen un diálogo previo.

A CIG-Industria valorará convocar novas mobilizacións e folgas se non se presentan propostas serias. Advirte de que, no caso de que a empresa entre en concurso de acredores, todos os pagos quedarían paralizados, e a xestión pasaría integramente ao administrador concursal.

Por iso Jesús Rodríguez, Ángel Pérez, delegado de Ferrol e Pedro Capelo, delegado de Compostela insistiron en que a prioridade é garantir os dereitos das traballadoras e traballadores, que levan meses soportando unha situación “insostible” sen respostas claras.

Os representantes sindicais reiteran ademais o seu compromiso coa defensa do cadro de persoal e chaman á empresa e á administración a actuar con transparencia e responsabilidade para resolver esta crise que ameaza o futuro laboral de máis de cen familias galegas.