O persoal de xustiza suma unha nova xornada de folga coa vista posta na reunión do próximo luns
Os traballadores e as traballadoras de xustiza seguen adiante coa folga indefinida e as mobilizacións para esixir a fin das discriminacións laborais e salariais e na defensa dun servizo público de calidade, coa vista posta na reunión que a Xunta vén de convocar para o vindeiro luns, ás 11:30 horas, na EGAP de Compostela.
"Entendemos que despois das manifestacións deste xoves e do seguimento masivo que está a ter a folga non podían adiar máis tempo a convocatoria dunha reunión para seguir a negociar", apuntaba o secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, sobre a comunicación remitida esta mesma mañá ao comité de folga.
Resposta ás declaracións de Feijoo
No relativo ás "explosivas" declaracións do presidente da Xunta criticando o comité de folga por rexeitar a oferta económica presentada na xuntanza do luns, Sánchez lembrou que para este ano 2018 a suba proposta é de cero euros e só se chegaría ás cantidades completas propostas no ano 2020. Mais incluso para esa data, o persoal de xustiza de Galiza seguiría cobrando por debaixo das retribucións que xa teñen no resto das comunidades con competencias transferidas.
Así mesmo, subliñou que entre os anos 2013 e 2016, a Xunta recortou no CAT entre 10.000 e 3.400 euros a cada traballador/a, segundo o corpo ao que se pertenza. E mentres tanto, "Feijoo subiuse o soldo un 7,5% durante dous anos seguidos. O que supón unha suba salarial duns 5.800 euros ao ano", cifra que, parafraseando o presidente da Xunta, non cobran a maioría dos galegos e galegas . Neste senso, Sánchez retrucoulle a Feijoo que se hai galegas e galegos que non poden cobrar nin sequera mil euros ao mes é pola precariedade do mercado laboral, o incremento dos contratos lixo e a temporalidade. Precarización fomentada, por certo, polas reformas antiobreiras que aprobaron os gobernos do PP.
A actitude mantida até o de agora pola Xunta, con Feijoo e Rueda como cabezas visíbeis pero só a nivel mediático, ten provocado un profundo malestar entre as traballadoras e os traballadores, que non dubidan en cualificar de incendiarias as declaracións do presidente do Goberno galego e do conselleiro de Xustiza. Por iso, dende o comité de folga lanzouse un chamado a Rueda para que compareza persoalmente na reunión do vindeiro luns "e deixe de agocharse detrás da prensa, á que utiliza para confundir e tentar desprestixiarnos".
Amortización de prazas
Nesta liña, o responsábel de CIG-Xustiza insistiu unha vez máis que, alén da demanda salarial, a plataforma sindical recolle puntos reivindicativos que teñen como obxectivo garantir un servizo público de calidade, no que se consoliden os reforzos e se paralice o plan de amortizacións de prazas iniciado pola Consellaría, para dotar co persoal suficiente á administración de Xustiza. Engadiu que no ano 2013, a Xunta propuxo a amortización de 106 prazas, pero só ten autorización para eliminar 10, non obstante, os outros 96 postos nin saen a concurso nin se ofertan.
Sánchez denunciou que as consecuencias da falta de persoal son palpábeis en toda a administración de xustiza e, por exemplo, xa hai xulgados do Social en Lugo que están sinalando xuízos para o ano 2021. Rematar con estas carencias humanas é unha das reivindicacións da plataforma sindical, porén "a Xunta non di nada publicamente desta cuestión, limitándose a falar só do tema salarial e a presentar ao persoal de xustiza como privilexiado", lamentou.
O conflito, a Madrid
Na xornada deste venres, representantes do persoal mantiveron na Coruña unha xuntanza coa deputada de En Marea, Yolanda Díaz, para trasladarlle as demandas e a situación na que se atopa o conflito. Pola súa banda, Díaz explicou que a súa formación vai presentar unha serie de iniciativas para levar o conflito tamén ao Congreso, a onde convidou a asistir a unha delegación de representantes sindicais.