O persoal de Xustiza intensifica as mobilizacións para presionar a Xunta e seguir negociando
As traballadoras e traballadoras da administración de Xustiza, en folga indefinida dende hai 42 días, acordaron intensificar as mobilizacións como resposta á decisión da Xunta de Galiza de rachar a mesa e non proseguir coas negociacións e ao, tempo como demostración da vontade que teñen de continuar na loita. Esta mañá, o persoal de Vigo e A Coruña iniciaba peches nos rexistros civís, mentres que en Ourense o facían na entrada dos xulgados, mais que tiveron que ser abandonados ante as ameazas de desaloxo por parte da policía. En Compostela, delegados e delegadas sindicais permanecen encerrados nunha sala de vistas, e en Lugo e Pontevedra desenvólvese unha asemblea permanente nas dependencias dos xulgados. Ademais, estanse valorando iniciar accións reivindicativas noutras cidades e vilas.
Estas medidas foron adoptadas nas distintas asembleas realizadas esta mañá para informar do contido e resultado da reunión que o comité de folga e a Xunta mantiveron no día de onte, que rematou coa administración abandonando a mesa e afirmando que non convocará máis xuntanzas coa representación social. Unha actitude que demostra unha absoluta irresponsabilidade por parte do Goberno galego e que vai na liña de descualificación e desgaste aplicada dende o inicio do conflito.
Nesas asembleas tamén se valorou levar adiante votacións entre o persoal, mañá mércores, para decidir sobre as reclamacións salariais, que a última proposta da administración deixa en 135€ para o corpo de forenses; 133€ para xestores; 108€ para tramitadores e 105€ para auxilios. Esta oferta apenas mellora a anterior e no caso de auxilios non incrementa nin un só euro a que xa existía.
A proposta da Xunta racha tamén a suba lineal do CAT que reclama o persoal, coa clara finalidade de dividir e romper a folga. Pero ademais, a administración negouse a aclarar os termos exactos do acordo (cando se aplicaría e en que contías) até que o comité de folga non asuma as cantidades económicas propostas.
Para o secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, as pretensións da Xunta son "unha burla e unha chantaxe" cando os traballadores e as traballadoras "rebaixaron as súas demandas moito máis do que a Xunta subiu as súas ofertas", e tendo en conta que nin sequera no resto dos puntos da plataforma reivindicativa se pecharon documentos de acordo. De feito, no relativo ao plan de amortizacións mesmo se deron pasos atrás. Por iso, denunciou a nula vontade que ten a Xunta por "acadar unha solución ao conflito"
Fronte a isto, Sánchez destacou a vontade e firmeza que lles trasladou o persoal durante as asembleas para continuar adiante coa folga "e así se reflexa nos datos de seguimento deste martes, que seguen a mesma tónica que días anteriores". No outro lado, criticou a nula vontade que ten a Xunta por "acadar unha solución ao conflito"