O persoal de xustiza está chamado a mobilizarse en Santiago o 25 de xaneiro
Á espera de que se produza unha nova reunión entre a representación social e a Xunta de Galiza, o comité de folga continúa adiante coa convocatoria do paro xeral na administración de xustiza galega do vindeiro xoves 25 de xaneiro. Coincidindo coa folga, para ese día está convocada tamén unha manifestación en Santiago de Compostela, á que están chamados/as a participar os 2.500 traballadores e traballadoras do sector. A marcha sairá ás 12:00 horas da Avenida Xoán XXIII e rematará diante do Parlamento, na rúa do Hórreo.
"A convocatoria de folga e de manifestación segue activa e non se vai desconvocar até que haxa un acordo satisfactorio para todas as nosas demandas", apunta Óscar Freixido, representante da CIG nas negociacións coa Dirección Xeral de Xustiza. Neste senso, explica que se está á espera de concretar a data dunha nova reunión (coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais) á que a Consellaría debería traer, cando menos, unha contraoferta en materia económica. Esta xuntanza poderíase producir a finais de semana.
Distanciamento importante
En canto á posibilidade dun acordo, a representación social apunta que se ben é certo que na última xuntanza houbo avances nalgúns puntos, o distanciamento "é moi importante", especialmente no referido á discriminación que sofren os traballadores e traballadores da xustiza galega con respecto ao resto do Estado. Neste senso, sinalan que, dende o ano 2010, son o persoal que menos cobra mensualmente de todas as comunidades autónomas coas competencias transferidas en materia de xustiza.
Sobre os descontos por enfermidade, aclaran que a Xunta segue sen aceptar regular as incapacidades laborais nas mesmas condicións que ten outro persoal dentro dos xulgados (como maxistrados/as, fiscais ou letrados xudiciais) ou as que teñen as e os traballadores do Ministerio e doutras comunidades.
Consolidación de emprego
Na última reunión coa Dirección Xeral si se producira un achegamento no punto sobre consolidación de emprego. A Xunta, explican, presentou a relación de prazas de reforzo que levan tres ou máis anos sen cubrirse con persoal titular e un plan para a consolidación de 36 prazas. Neste punto "estamos pendentes de aclarar algunhas diferenzas nas datas de creación dalgunha praza e negociar cales serían as 36 prazas a consolidar".
No plan de amortización de 106 prazas que a Xunta aprobou no ano 2013, a administración aceptou paralizalo e recuperar as prazas que se amortizaron dende ese ano, con algunha excepción. "Neste punto o acordo está máis próximo, aínda que queda pendente algunha aclaración, e sobre todo os prazos para recuperar estas prazas".
"No único punto que existe un acordo absoluto entre a administración e o comité de folga é para lograr que os traballadores e traballadoras que fagan o seu traballo noutro posto de superior categoría cobren o 100% das retribucións do posto no que desempeña as súas funcións", indican.