O persoal de XEAL "xa está farto de tanta inacción da Xunta" e esixe que se presente o plan de viabilidade de inmediato
Os traballadores e as traballadoras de XEAL continuaron na tarde deste venres coas mobilizacións semanais para demandar o plan de viabilidade e o arranque dos fornos e ao tempo rexeitar o desleixo absoluto da Xunta do PP ante o progresivo deterioro das fábricas e a perda de emprego.
O persoal denuncia que "xa está farto de tanta mentira, pasotismo e deixamento", pois as boas palabras do conselleiro Francisco Conde e os compromisos de compartir información puntualmente "non van acompañadas de feitos". Neste senso, o comité lembra que a día de hoxe segue sen coñecer o plan de viabilidade que a empresa supostamente remitiu á Xunta hai xa meses, os termos concretos do contrato de compra-venda entre FerroGlobe e TPG e ademais non se investiu no complexo industrial nin un só euros dos millóns prometidos.
"E cando se interpela a Xunta por estas cuestións, como ocorreu na comisión parlamentar de Industria deste mércores, a resposta do PP consiste en darlle a razón á empresa e renegar das condicións esenciais estabelecidas nas cláusulas das concesións das centrais, a pesar de estar avaladas por varias sentenzas do TSXG, a última, emitida o pasado mes de novembro", aseveran.
A Xunta ten que defender o interese xeral
Por iso, reiteran que a Xunta "non pode ser cómplice" da fraude da operación de venta, nin pode tolerar que se pretenda facer unha segregación encuberta a conta de deixar morrer as fábricas de ferroaliaxes. "Esixir o plan de viabilidade a XEAL e manter a vinculación das actividades, en cumprimento do que estipulan as cláusulas das concesións, é a mellor maneira de garantir a continuidade da produción de ferroaliaxes e o mantemento de todos os empregos. Todo o demais supón actuar en contra do interese xeral e condenar o futuro desta comarca".
A este respecto, o comité explica que hai dous fornos parados e sen previsión de arranque, aínda que existe demanda no mercado internacional de ferroaliaxes, "que cubre de sobra os custes eléctricos que alega a Xunta para non telos en funcionamento". Non se fan tampouco, advirten, os investimentos constantes que necesitan as instalacións e non se está procedendo á modernización das plantas. Ademais, aínda que a dirección de XEAL fachendea de apoiar as empresas da comarca, "a realidade é que lles está retirando traballos e encomendas de servizos para darllos a compañías de fóra".
Perda de emprego
Xunto a isto, non hai que esquecer a perda continuada de emprego tanto nas factorías como nas centrais, xa que a empresa non suple as xubilacións que se producen tanto por idade como por incapacidade, e estase vulnerando o dereito dos traballadores/as que se poden acoller a un plan de relevo a xubilarse, impedindo o acceso dun traballador/a novo á empresa.
"Que máis ten que pasar para que a Xunta actúe dunha vez contra esta empresa?", pregúntanse dende o comité. "Levamos anos vivindo nunha situación de permanente incerteza, o goberno galego ten que exercer as súas competencias tanto en materia de industria como sobre os aproveitamentos hidráulicos, especialmente cando estamos falando dunha comarca deprimida como a Costa da Morte e cando en Galiza estamos en plena crise industrial e gravemente afectados polo proceso de transición enerxética", sentencian.