O persoal de XEAL prosegue coas mobilizacións no camiño da xornada de folga do 17 de novembro
O persoal de XEAL continuou este xoves co calendario de mobilizacións para exixir un Plan Industrial e de Viabilidade das fábricas, a recuperación do emprego destruído e a aplicación do convenio colectivo propio, que a empresa manobrou para facer decaer. Desta volta a protesta realizouse diante da Casa do Concello de Cee, e na mesma tamén se reclamou a reposición do servizo de práctico na ría de Corcubión e que se deixe sen efecto o traslado da grúa do porto de Brens.
A concentración precede á xornada de folga convocada para o xoves 17 de novembro nas fábricas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría e nas centrais hidroeléctricas, ante a negativa da empresa a negociar o convenio colectivo e o reiterado incumprimento das cláusulas concesionais, que afectan directamente á actividade das factorías e ás condicións laborais do persoal.
A pasada semana, o comité volveu solicitar a apertura da mesa de negociación, dada a negativa de XEAL a abordar a negociación no marco da mediación no AGA. Neste senso, o comité subliña que o decaemento do convenio que estivo vixente durante décadas na empresa "non é escusa en ningún caso para non sentar a negociar un novo convenio, como así estabelece a lexislación vixente, e máis cando esta é a vontade do conxunto dos traballadores e traballadoras de XEAL".
Porén, a dirección segue sen contestar a ningunha das demandas formuladas polo comité, nin para a negociación do convenio nin para retomar a actividade dos fornos e recuperar os niveis de empregos previos á operación de venda. Para a representación social esta actitude evidencia a falta de vontade da empresa para buscar solucións que eviten a folga e o nulo interese por manter a produción de ferroaliaxes e respectar os dereitos do seu persoal.
"Nin XEAL, nin a Xunta coa súa inacción cómplice, nos deixan máis alternativa que ir á folga e seguir pelexando para que cumpran as cláusulas das concesións e se garanta o mantemento de todos os empregos e o futuro industrial da comarca", advirten.
Por iso, o comité fai un chamamento a todos os traballadores e traballadoras das fábricas e da centrais a secundar a folga do vindeiro 17 de novembro e dar unha resposta contundente "ante quen pretende aproveitarse dos nosos recursos naturais para sacar millonarios beneficios, sen importarlle que a comarca vaia á ruína e negándonos os dereitos que tanto esforzo nos custou conquistar".
E ao tempo, denunciar a decisión da Xunta de Galiza de suprimir o servizo de práctico e trasladar a grúa do porto de Brens ao Porto Exterior da Coruña. Unhas medidas que facilitan os plans de XEAL de desmantelar as fábricas (sen práctico os barcos non se poderán descargar a materia prima e cargar do produto elaborado en Brens), pero que tamén constitúen un enorme prexuízo para a actividade económica e mesmo para a seguridade marítima de toda a comarca ao deixar inoperativos os portos da ría de Corcubión.