O persoal de XEAL mobilizarase por un plan industrial, a recuperación do emprego e a aplicación do convenio colectivo
A asemblea de traballadores e traballadoras de XEAL acordou desenvolver un calendario de mobilizacións neste mes de setembro para exixir da empresa que presente un plan industrial e de viabilidade das fábricas, que recupere todo o emprego destruído nos últimos anos e que aplique o convenio colectivo propio actualizado.
A primeira das protestas terá lugar en Santiago o xoves 15 de setembro, cunha manifestación que sairá ás 11:00 horas da entrada principal do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Santiago (rúa Otero Pedraio) e rematará diante das oficinas de Augas de Galiza, situadas na Praza Camilo Díaz Baliño.
A esta mobilización seguiralle outra concentración o xoves 22 diante da entrada da fábrica de Brens (Cee), ás 14:15 horas. E para o día 29 de setembro, o persoal repetirá manifestación en Santiago de Compostela co mesmo horario e percorrido.
Frear o desmantelmanto das fábricas e a destrución de emprego
Con estas mobilizacións quérese reclamar da dirección de XEAL que presente de inmediato un plan industrial e de viabilidade das fábricas, tendo en conta que as actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaliaxes forman unha unidade produtiva única; así como que restableza e fixe un número mínimo de cadro de persoal en relación ao nivel de emprego existente no ano 2019.
Non hai que esquecer que dende a chegada do fondo de investimentos Sixth Street Partners e Ithaka destruíronse máis de 30 postos fixos e aproximadamente 80 eventuais e a industria auxiliar practicamente desapareceu, co impacto que isto supón para o emprego da comarca. Ademais, nestes momentos só hai un forno en funcionamento en cada unha das fábricas.
A pesar deste recorte drástico da produción e o desmantelamento progresivo das instalacións de Cee e Dumbría, XEAL multiplicou por seis seus beneficios. E agora pretende aumentar a produción de enerxía con dúas novas explotacións hidroeléctricas para engordar aínda máis os seus beneficios, mais sen cumprir coas cláusulas concesionais de acordo aos termos interpretados recentemente pola sentenza do TSXG do 5 de novembro de 2020.
Responsabilidade da Xunta de Galiza
Por este motivo, a asemblea de traballadoras e traballadores acordou levar tamén as mobilizacións ás portas da administración galega, para demandar de Augas de Galiza que lle exixa á empresa un plan de viabilidade que contemple un incremento do emprego no complexo enerxético industrial, na mesma proporción que o aumento do caudal de auga solicitado para subir a produción de electricidade e deste xeito dar debido cumprimento á cláusula esencial das concesións.
Xunto á defensa do futuro industrial e do mantemento do emprego, con este calendario de protestas o persoal quere responder aos ataques aos dereitos laborais, salariais e sociais cometidos pola empresa e reclamarlle a aplicación do convenio colectivo de XEAL Cee Dumbría Centrais Hidroeléctricas, actualizado.