O comité de XEAL mantén as protestas para esixir a posta en marcha dos fornos e a recuperación do emprego
O comité de XEAL continuará, mañá venres 16 de xullo, co calendario de mobilizacións semanais para esixir da Xunta de Galiza que recoñeza a nulidade da operación de venda de FerroAtlántica (Grupo FerroGlobe) a TPG-Ithaka, para demandar da empresa un calendario de rearranque dos fornos e para que se fagan os investimentos necesarios para garantir a viabilidade das fábricas e o mantemento de todos os postos de traballo. A concentración, como vén sendo habitual, será a partir das 14:45 horas diante da planta de Brens.
Por outra banda, o comité informou que este xoves quedou constituída a mesa de negociación do Plan de Igualdade, "despois de varias reunións e cando a dirección de XEAL xa fachendeara o pasado 8 de marzo, coincidindo coa Día Internacional da Muller Traballadora, que a elaboración do plan estaba en fase moi avanzada".
O comité considera este plan "moi necesario nesta empresa, á vista dos recentes casos de acoso laboral e sexual denunciados por dúas traballadoras na fábrica de Cee e que a dirección tentou ocultar". Neste senso, o comité (que xa presentou denuncia na Inspección de Traballo por estes feitos) reiterou hoxe a solicitude para que se adopten as medidas oportunas co presunto agresor e para preservar os dereitos e a dignidade das dúas traballadoras.
"A dirección non pode continuar protexendo a esta persoa e sendo cómplice de comportamentos machistas nos nosos centros de traballo. É a súa obriga garantir un entorno laboral seguro e libre de calquera tipo de violencia, polo que esiximos unha actuación contundente para evitar que se repitan estas situacións e ao tempo demandamos o cese da política de represión iniciada por XEAL, que se materializa en despedimentos selectivos de traballadores/as baseados en supostas baixadas voluntarias do rendemento", subliñan.
Futuro industrial para as fábricas
Por todas estas razóns, animan o persoal a participar na concentración de mañá venres en defensa do futuro industrial e do emprego, para demandar a readmisión do compañeiro inxustamente despedido e para esixir o cese dos acosos.
Mais tamén para reiterarlle á Xunta de Galiza que ten plenas competencias en materia de industria e sobre as concesións dos saltos de auga "que non está a exercer, a pesar da segregación encuberta aplicada por XEAL. A Xunta de Galiza ten que obrigar a empresa a cumprir co establecido nas cláusulas das concensións o que significa pór en marcha os fornos, recuperar a produción de ferroaliaxes e o emprego e presentar un plan industrial e de investimentos que garanta a viabilidade das fábricas e dos postos de traballo", asevera o comité.