O persoal de XEAL segue coas protestas e irá á folga pola aplicación do convenio e un plan industrial
O persoal de XEAL acordou continuar co calendario de mobilizacións para exixir da empresa un plan industria e de viabilidade das fábricas, a recuperación do emprego e, nomeadamente, para instar a retomar as negociacións do convenio colectivo propio, que a dirección bloqueou para forzar o seu decaemento e suprimir así dereitos laborais e sociais que o persoal en activo e o denominado persoal pasivo tiñan recoñecidos dende hai décadas.
As mobilizacións, que se iniciaron este mesmo xoves cunha concentración diante da fábrica de Brens, seguirán o mesmo formato que as desenvolvidas durante setembro:
- xoves 6 e 20 de outubro, concentracións diante da fábrica de Brens (Cee) ás 17:15h.
- xoves 13 e 27 de outubro, manifestación en Santiago ás 10:30h dende o edificio administrativo da Xunta en San Caetano até as oficinas de Aguas de Galiza.
Pero ademais, o comité acordou a convocatoria dunha xornada de folga de 24 horas para o 17 de novembro, que afectará ás tres quendas de traballo e a todo o persoal das fábricas de Cee e Dumbría e das Centrais Hidroeléctricas. Este calendario foi ratificado polas asembleas de traballadores e traballadores celebradas na mañá deste xoves nas fábricas de Cee e Dumbría.
Desbloquear a negociación do convenio propio
O obxectivo das mobilizacións e da folga "é negociar o convenio colectivo de empresa bloqueado e paralizado pola dirección, que forzou o seu decaemento aproveitando que non tiña recollido no seu articulado a ultraactividade". Lembran que a empresa se pechou a chegar a un acordo no primeiro proceso de mediación (AGA) ante o Consello Galego de Relacións Laborais e posteriormente negouse a seguir negociando, rexeitando os novos procesos de mediación e arbitraxe instados polo comité, baixo a escusa de que estaba aberta a vía xudicial.
A pasada semana, o TSXG resolveu desestimando o conflito colectivo interposto pola parte social sobre o mantemento da ultravixencia do convenio, polo que o comité acaba de solicitar unha nova mediación no AGA "para tentar desbloquear a situación e retomar a negociación do que sería o XIII convenio colectivo de XEAL". Un convenio de empresa que, subliña o comité, se mantivo no tempo cando os centros de traballo eran propiedade de Carburos Metálicos e despois 1992, cando pasou a ser Ferroatlántica.
Xunto ás mobilizacións, a representación do persoal tamén rexistrou o pasado luns escrito no CGRL instando ao inicio dun novo procedemento de mediación, agardando que nesta ocasión a empresa abandone a súa actitude ditatorial e aposta por unha normalización das relacións laborais.
Por un Plan industrial e o cumprimento das cláusulas
Pero ademais, o comité continúa reivindicando da empresa que cumpra coas cláusulas das concesións e os termos da sentenza do TSXG de novembro de 2020, presente un plan industrial e de viabilidade das fábricas e recupere todo o emprego destruído nos últimos anos, tanto na empresa principal como nas auxiliares.
Neste sentido, o comité critica a permisividade da Xunta de Galiza con esta empresa, que se está a aproveitar dos recursos naturais de todos os galegos e galegas para obter millonarios beneficios coa produción de electricidade mentres deixa morrer as fábricas por inactividade. A tal punto que nestes momentos só está producindo un forno nunha das factorías.
"A pesar das dúas manifestacións realizadas en setembro diante da Xunta, denuncian, o Goberno galego mantense nunha total opacidade e Augas de Galiza aínda non respondeu á petición de reunión, nin nos informou sobre o estado dos expedientes dos proxectos presentados por XEAL para incrementar o aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía e para o proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte da Ruña".