O persoal de XEAL concéntranse no Concello de Cee en defensa do convenio colectivo e contra a represión sindical
O comité de XEAL continúa co calendario de mobilizacións contra a represión sindical, en defensa do mantemento do convenio colectivo propio e por un plan industrial que garanta a continuidade dos empregos e da actividade produtiva. Con estas protestas tamén se demanda a readmisión do compañeiro do comité que foi despedido e que a dirección adopte medidas contundentes contra o condenado por vulnerar os dereitos fundamentais dunha traballadora subordinada.
A protesta deste mércores tivo lugar diante da Casa do Concello de Cee e para o vindeiro mércores, 23 de febreiro, as mobilizacións trasladaranse a Santiago de Compostela cunha concentración diante do complexo administrativo da Xunta en San Caetano, de 11 a 12 horas.
Mantemento do convenio propio
Cómpre lembrar que XEAL deu por decaído o convenio colectivo propio e xa está a aplicar o convenio sectorial do metal da Coruña, de condicións inferiores, en todas as materias. Contra desta decisión o comité interpuxo conflito colectivo para que se siga aplicando o convenio de empresa mentres non se chega a un acordo para un novo convenio, pero a día de hoxe a dirección non deu nin un só paso nesta dirección.
Neste sentido o comité tamén quere desmentir a propaganda da empresa que anunciou nun comunicado a creación de bolsas XEAL, cuxa existencia xa estaba recollida no convenio de Carburos Metálicos. "Resulta intolerábel que a empresa pretenda sacar rendemento duns beneficios sociais que se crearon no ano 1979 e que estaban amparados no mesmo convenio colectivo que agora quere deixar de aplicarlle ao seu persoal", denuncia o comité.
Ademais destas concentracións, o comité vai solicitar reunións cos grupos parlamentares e reiterar a petición de reunión co vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, pendente dende hai meses, para abordar a situación produtiva nas fábricas, o desmantelamento progresivo destas por parte da empresa e os ataques aos dereitos dos traballadores e das traballadoras.
Represión sindical
Uns ataques aos que hai que sumar tamén a represión sindical, materializada entre outras accións, no despedimento dun membro do comité por testemuñar a favor dunha compañeira que denunciou acoso sexual e laboral, "mentres a dirección segue sen adoptar medidas contra o coordinador do servizo de prevención condenado, pero que segue traballando con total normalidade".
Por todo isto, o comité reclámalle unha vez máis á Xunta de Galiza que interveña, esixíndolle a XEAL o cumprimento das cláusulas das concesións (así como a sentenza do TSXG) e que proceda á reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, ante a teima da empresa de desmantelar o complexo industrial e seguir recortando dereitos.