O persoal de Vitrasa retoma os paros parciais para instar a negociar un convenio digno
O cadro de persoal de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, vén de retomar os paros parciais que desenvolve dende o pasado mes de novembro para instar a empresa a negociar un convenio colectivo digno. A medida de presión iniciouse hoxe e continuará os días 13, 18, 21, 24 e 27 de abril e 3 e 5 de maio de 7:00 a 8:30 e de 13:30 a 15:00 horas.
Desde a CIG, que preside o comité de empresa, denuncian que a dirección decidise anular a xuntanza prevista para o vindeiro día 13, “na que se supón que se lle daría solución a unha serie de puntos propostos pola representación sindical, amosando unha vez máis o desinterese por solucionar un conflito que prexudica gravemente a veciñanza da cidade”.
Por iso consideran que Vitrasa “se atopa cómoda” cos servizos mínimos impostos polo Concello, “xa que con poucos autobuses cheos de xente a rendibilidade é maior”. En consecuencia, instan o Goberno local a iniciar un expediente sancionador “xa que a concesionaria non está a prestar o servizo ao que se comprometeu”.
Ao mesmo tempo, sinalan que o Concello non pode quedar á marxe “e ser une mero espectador” dun conflito que leva dous anos aberto nunha empresa concesionaria dun servizo esencial como o do transporte. “Se Vitrasa pretende renovar a prestación do servizo de transporte público ao entender que parte con vantaxe na próxima concesión debe solucionar o conflito laboral existente e recuperar os servizos e frecuencias eliminadas”, rematan.