O persoal de Vitrasa mobilízase diante do Concello para rexeitar a baixada de soldos que quere impoñer a empresa
O cadro de persoal de Vitrasa iniciou hoxe as mobilizacións para rexeitar a baixada de soldos que pretende aplicar a concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo. Un nutrido grupo de traballadores/as desenvolveu unha concentración diante do consistorio, mentres que a para o vindeiro xoves 19 teñen convocada unha manifestación que arrincará ás 19:00 horas dende o cruce dos Choróns e rematará en Policarpo Sanz.
O presidente do comité de empresa, Imanol Arnoso, da CIG, lembrou que ademais das protestas convocarán folga indefinida en canto a empresa confirme a inaplicación do convenio e rebaixe os salarios un 30% no que queda deste ano e un 14% para o que vén. Vitrasa pretende incrementar tamén a xornada anual, incluír medidas de flexibilización de xornada, eliminar un plus de absentismo que se cobra anualmente e mesmo non entregar unha peza de abrigo no próximo inverno.
Ademais, se o balance de contas de 2023 fose positivo primeiro dedicarían as ganancias a recuperar as perdas dos anos 2020 e 2021, e en caso de seguir en números positivos o resto sería para restaurar aos traballadores/as a súa rebaixa salarial. E a pesar de recibir un reequilibrio de 5,7 millóns de euros, a empresa mantén un contencioso contra o Concello de Vigo pola redución de ingresos dos anos 2020 e 2021 debido á pandemia, no que reclama 14 millóns de euros máis.
Por todo isto, Vitrasa mantén un patrimonio neto de máis de 50 millóns de euros, “polo que son totalmente solventes, mais a pesar diso utilizaron o persoal para presionar ao Concello, como se viu en dúas ocasións, cando atrasaron o abono dos salarios e crearon un conflito innecesariamente”.