O persoal de Vitrasa irá á folga indefinida se a empresa aplica a rebaixa salarial
O cadro de persoal de Vitrasa acordou por práctica maioría en asemblea convocar folga indefinida no caso de que a concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo confirme a inaplicación do convenio e rebaixe os salarios un 30% no que queda deste ano e un 14% para o que vén. Os traballadores/as decidiron tamén levar a cabo unha protesta diante do consistorio este xoves día 12 e unha manifestación o xoves día 19.
Na asemblea que tivo lugar na medianoite do pasado sábado nas instalacións da compañía na estrada de Camposancos participaron 161 persoas, das que 157 votaron a favor da proposta do comité de convocar folga, 1 en contra e houbo tamén 3 votos nulos. Deste xeito, o paro indefinido dará comezo cando se confirme a inaplicación do convenio por parte de Vitrasa. Algunhas das persoas asistentes á asemblea solicitaron tamén poder votar entre convocar folga indefinida ou paros parciais, saíndo vencedora a primeira opción por 97 votos fronte a 60.
Dende o comité de empresa manifestaron a súa satisfacción por uns resultados que “demostran que entre o persoal hai máis unidade ca nunca”, ao tempo que anunciaron a convocatoria de novas mobilizacións: a primeira diante do Concello o vindeiro xoves día 12 de 10:30 a 11:30 horas e a segunda unha manifestación o xoves 19 dende o cruce dos Choróns até Policarpo Sanz ás 19:00 horas.