O persoal de Vitrasa intensifica a resposta contra as sancións e pola negociación dun convenio digno
O cadro de persoal de Vitrasa está a intensificar a resposta contra as sancións impostas pola empresa a 13 traballadores/as e para reclamar a negociación dun convenio colectivo digno. Os empregados/as da concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo secundaron masivamente as dúas xornadas de folga de 24 horas convocadas o mércores e onte venres, desenvolveron protestas no consistorio e marcharon en manifestación polas rúas da cidade.
O persoal da empresa de transporte aproveitou os paros totais para mobilizarse tanto diante como no interior do Concello. O mércores levaron a cabo unha concentración pola mañá ás portas do consistorio, que repetiron onte, aínda que nesta ocasión ao rematar a protesta accederon ao interior da lonxa ao berro de “Vitrasa solución, alcalde dimisión” e “Menos luces e máis autobuses”.
Xa pola tarde percorreron unha vez máis as rúas do centro da cidade nunha manifestación que arrincou da Praza dos Cabalos pasadas as 19:00 horas e que rematou na Alameda da Praza de Compostela.
Folga indefinida
Ademais, a asemblea de traballadores/as de Vitrasa decidiu días atrás de xeito maioritario convocar folga indefinida a partir do vindeiro sábado 25 de novembro ante a negativa da empresa a negociar o convenio colectivo e despois de que 13 traballadores/as fosen sancionados con 60 días de suspensión de emprego e soldo no marco dos paros parciais que se están a desenvolver.
A decisión foi adoptada despois da consulta realizada polo comité de empresa entre o cadro de persoal nas celebrou nas propias instalacións da compañía e que rexistrou unha alta participación. Os resultados das votacións evidenciaron a aposta por endurecer as mobilizacións, xa que 214 persoas optaron por convocar folga indefinida, fronte ás 30 que se amosaron partidarias de suspender as protestas.