O persoal de Vitrasa continuará coa folga e coas mobilizacións ante a falta de vontade da empresa
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, anuncia a súa intención de continuar coa folga e coas mobilizacións ante a falta de vontade da empresa de negociar melloras nas condicións laborais. A representación sindical aínda non foi convocada a unha xuntanza pola dirección, que mantén unha oferta “totalmente insuficiente”.
Nos últimos días o cadro de persoal de Vitrasa, en folga todos os venres e sábado dende o pasado 19 de novembro, está a intensificar as mobilizacións para forzar a empresa a negociar e ao Goberno local a implicarse no conflito. De feito, o venres trasladaron as protestas ao consistorio, ao tempo que seguen adiante coa intención de que a folga sexa indefinida de luns a venres a partir do vindeiro 13 de decembro.
Porque, tal e como denuncian dende o comité de empresa, “o Concello unicamente se preocupa de Vitrasa para facerse a foto cos novos autobuses, deixando de lado a diminución de calidade do servizo e o empeoramento das condicións laborais do persoal”. Con todo, a representación sindical amósase disposta a continuar coas negociacións “cunha postura flexible e conciliadora” para solucionar un conflito “que tanto prexudica á cidadanía”.
Finalmente, e ante as acusacións por parte da dirección de que se privou ao persoal de exercer o seu dereito ao voto de forma libre e transparente, aclaran que a decisión de convocar as mobilizacións foi aprobada nunha asemblea aberta á totalidade dos traballadores/as da empresa, realizándose a través de voto secreto e aceptada pola ampla maioría dos participantes.