O persoal de Vitrasa continúa cos paros en demanda dun convenio digno e insta o Concello a intervir no conflito
Os traballadores e traballadoras de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, continuaron este mércores cos calendario de paros e mobilizacións para exixir un convenio colectivo digno. Ademais de concentrarse diante da Casa Consistorial, hoxe, membros do comité asistiron ao pleno municipal para reclamar, mais unha vez, a intervención do Goberno local no conflito,
Durante a sesión, coincidindo co debate dunha moción sobre a situación do transporte urbano, representantes do persoal interviñeron para replicar as declaracións do concelleiro responsábel de Transportes, "que estaba dicindo unhas auténticas barbaridades" e ao que acusan de desentenderse dos problemas do servizo e dos abusos da empresa.
O presidente do comité, Imanol Arnoso, lembra que, despois do xulgado botar abaixo a intención patronal de inaplicar o actual convenio en materia salarial, a dirección segue negándose a negociar un novo convenio colectivo até que o cadro de persoal acepte unha baixada dos seus salarios.
"A empresa leva 50 anos operando en Vigo e agora pretende manter as súas contas a costa de recortarnos os nosos soldos. Cando tivo beneficios nunca os repartiu entre o persoal, e agora que di ter perdas quere rebaixarnos os salarios", denuncia. Neste senso, o presidente do comité lembra que Vitrasa (do grupo Avanza) xa interpuxo demanda nos xulgados para reclamarlle ao Concello unha compensación por 14 millóns de euros, que está pendente de resolverse.
"Dende o primeiro momento entendemos o difícil contexto e por iso lle propuxemos a empresa darlle solución aos puntos do convenio que regulan a calidade do noso traballo, deixando a cuestión salarial para cando a situación económica fose máis favorábel”, pero a única resposta foi condicionar o inicio da negociación do convenio a gañar a reclamación económica ao Concello, sen ofrecer ningunha garantía.
A postura da empresa resulta tan intransixente que nin sequera quere asumir unha redución do período para o goce das vacacións, ou revisar a distribución dos días de descanso semanais, "porque di que todo isto lle ten un custe".
O Concello de Vigo permanece "de lado"
Diante deste inmobilismo da empresa, o comité venlle demandando ao Concello de Vigo, como titular da concesión, que medie neste conflito, "pero o Goberno local ponse de lado e limítase a dicir que se trata dun problema entre unha empresa privada e os seus traballadores/as".
Arnoso acusa o Concello de desentenderse totalmente dun conflito que lle afecta directamente non só ao persoal de Vitrasa e as súas condicións de traballo, senón ao conxunto da cidadanía de Vigo. "Esta non é unha empresa calquera, é a empresa que o Concello decidiu que faga o transporte público da cidade", insiste.
Neste senso, advirte que o servizo se presta cun cadro de persoal insuficiente ou que nos últimos dous anos Avanza recortou liñas buscando unicamente unha maior rendibilidade económica, deixando a boa parte da poboación cun servizo de transporte pésimo.
Os paros continuarán
Por iso, ante a falta de avances coa empresa e o desinterese absoluto do Goberno municipal para buscar unha solución, os persoal continuará cos paros os luns, mércores e venres (excepto festivos) de 18:30 a 20:30 horas e o xoves día 5 de xaneiro de 19:00 a 21:00 horas. A partir do 9 de xaneiro retomaranse os paros como se viñan realizando dende novembro: luns, mércores e venres de 7:30 a 9:00, de 14:00 a 15:30 e de 00:00 a 01:30 horas.