O persoal de Viaqua celebrou concentracións e asembleas en todos os centros de traballo, no decurso desta semana, para preparar a xornada de folga convocada para o día 30 de xuño. Xunto a isto estase informando da situación na que se atopa o persoal e da convocatoria de folga aos preto de 50 concellos que teñen contrato con esta empresa concesionaria.
O comité intercentros denuncia que a negociación do convenio colectivo permanece practicamente bloqueada pola actitude da dirección de Veolia-Viaqua, malia os esforzos realizados pola representación social para achegar posicións.
Posición inflexible
Segundo explican, a empresa mantén unha postura “inflexible” e xustifica a súa negativa a mellorar as condicións laborais argumentando que os salarios do cadro de persoal dificultan a súa competitividade nos concursos públicos, unha explicación que o comité considera “inaceptable” tratándose dunha multinacional como esta.
A representación sindical critica ademais que a empresa estea empregando este discurso para trasladar ao cadro de persoal mensaxes de incerteza sobre o futuro da actividade e das concesións, ao tempo que prolonga deliberadamente a negociación. Mentres tanto, denuncian, os traballadores e traballadoras continúan sufrindo a perda de poder adquisitivo e a falta de garantías sobre o futuro convenio.
Defensa dos dereitos laborais
Entre as principais reivindicacións que o persoal considera irrenunciables figuran o mantemento da xubilación parcial, a garantía de recuperación e mantemento do poder adquisitivo mediante incrementos vinculados ao IPC, a equiparación da antigüidade e dos salarios entre áreas de actividade, a mellora das condicións laborais do persoal administrativo, o incremento das compensacións por gardas, traballos penosos e festivos, así como a redución da xornada laboral para adaptala ás novas realidades do sector.