
O persoal de Vestas mantén a loita en defensa dos seus empregos e por un futuro industrial

Coa demanda de impugnación do ERE xa presentada e a mesa industrial traballando para atopar unha solución de futuro, o persoal de Vestas mantén viva a loita para evitar que a empresa execute, o próximo 31 de decembro, o despedimento colectivo na planta de compoñentes eólicos de Viveiro.
Os traballadores e as traballadoras están desenvolvendo un intenso calendario de mobilizacións con dous obxectivos: presionar a multinacional danesa para que non cese a produción na fábrica, facilitando así a venda das instalacións, e ao tempo urxir o Goberno español e a Xunta a materializar xa unha solución industrial.
A negociación do ERE de Vestas rematou sen acordo, xa que así o acordou por amplísima maioría (85 votos a favor e 13 en contra) o persoal da fábrica. A CIG sempre tivo claro que este ERE é unha fraude, ante o descarado intento da empresa por deslocalizar a produción.
Este conflito evidencia a indefensión e a inxustiza de manter vixente a reforma laboral de 2012, que deixa todo o poder de decisión sobre a continuidade dos empregos nas mans das empresas, pois de terse derrogado, Vestas non podería executar o despedimento colectivo sen autorización administrativa previa.
Pero tamén deixa ás claras a necesidade de políticas públicas e da intervención pública nos distintos sectores da economía para evitar que, en pleno proceso de transición enerxética e cando Galiza padece unha ofensiva enerxética colonizadora coa implantación de macro parques eólicos, as empresas poidan seguir destruíndo impunemente o tecido produtivo e os empregos na actividade relacionada con este sector.