O persoal de Valoriza no Salnés, cos soldos conxelados dende 2016, mobilízase por un convenio digno
O cadro de persoal de Valoriza, concesionaria da recollida de residuos sólidos urbanos da Mancomunidade do Salnés,que presta este servizo en Meis, Cambados e Vilanova, iniciou onte un calendario de mobilizacións para reclamar a negociación dun convenio digno, xa que o actual leva caducado dende 2016. A primeira das protestas tivo lugar diante do Concello de Meis ás 13:00 horas, mentres que o xoves 9 e o xoves 16 desenvolverán novas concentracións ás portas dos Concellos de Cambados e de Vilanova no mesmo horario.
Dende a representación dos traballadores/as, da CIG, denuncian que a compañía “non se está a tomar en serio” as conversas e achega propostas “inasumíbeis”, como un aumento salarial do 1% (un 0,5% en táboas e o outro 0,5% mediante un plus non consolidábel). Ademais, non ten en conta as demandas do persoal a respecto das licenzas e do dereito de conciliación. “Din que o servizo non lles dá para incrementar os soldos con respecto á suba do IPC, pero o caso é que levamos dende 2016 cos salarios conxelados”.
Por iso dende a CIG do Salnés sinalan a responsabilidade da Mancomunidade no que está a acontecer, “xa que o ente supramunicipal non podo quedar impasíbel ante o atraco que a concesionaria pretende aos 22 empregados/as”. De xeito que se a compañía non recapacita e non achega unha proposta asumíbel na vindeira xuntanza, prevista para o venres 17, o persoal decidirá en asemblea se intensifica as mobilizacións, sen descartar unha convocatoria de folga.
Dilatación das negociacións
Dende a central sindical lembran que Valoriza fíxose cargo do servizo en 2021, tras o que tivo que subrogar os traballadores/as, que contan cun convenio de empresa que venceu en 2016. O contrato da anterior concesionaria, Celta Prix, fora rescindido por incumprimento do prego de condicións do concurso, e até que Valoriza se fixo cargo da concesión foi Urbaser a que se encargou do servizo mediante contratos de urxencia de seis meses de duración.
Nese tempo Urbaser negouse a negociar o convenio alegando que non era a empresa adxudicataria do servizo, ao tempo que o atraso na constitución da Mancomunidade tras as eleccións dilataron aínda máis o proceso.
O cadro de persoal, farto da situación, contactou coa CIG en 2021, que promoveu eleccións sindicais, obtendo o delegado/a de persoal que se escollía. En maio de 2022 a central sindical denuncia o convenio para proceder á súa renovación coa idea de actualizar os salarios conxelados dende 2016, pero a empresa adía as negociacións.
En outubro constitúese finalmente a mesa negociadora, celebrándose dúas xuntanzas cada mes, ás que Valoriza chega con propostas “totalmente insuficientes”. Diante disto, os traballadores/as optan por iniciar as protestas que continuarán nas vindeiras semanas.