O persoal de Urxencias do Clínico, en folga indefinida, traslada as súas demandas ás portas do Sergas
Traballadores e traballadoras do servizo de Urxencias do Hospital Clínico trasladaron este mércores as súas demandas de máis persoal ás portas mesmo do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e da Consellaría de Sanidade. Na mobilización, convocada pola Comisión Especializada de Centro, reclamaron ademais, tal e como se acordou na asemblea celebrada o pasado luns, que todos os espazos do servizo estean abertos coa necesaria dotación de persoal para que se garanta a prestación dunha asistencia de calidade e que non se saturen as Urxencias.
Camilo Agulleiro, presidente da Comisión especializada de centro, explicou que o persoal ten a esperanza de que o conflito se resolva á maior brevidade. Entende que foi un importante avance que na última xuntanza celebrada coa Xerencia, este mesmo luns, esta recoñecera a lexitimidade das súas reclamacións xa que desde a propia dirección do complexo hospitalario se propón dotar este servizo con 5 enfermeiros/as, 5 auxiliares e 2 médicas/os máis.
Manter todos os espazos abertos
Desde a Xerencia tamén se propuxo pechar uns espazos que hai dentro de Urxencias e abrilos máis adiante con máis persoal. Aí é onde xorden, segundo Agulleiro, as reticencias porque ese espazo, que foi aberto pola anterior Xerencia é ao que habitualmente trasladan persoal de planta para cubrilo. “O persoal non se fía de que realmente se vaia a dotar con traballadores/as novos senón que teme que vaia recaer sobre as súas costas e sobre as do persoal de planta que xa están baixo mínimos”, explica.
Diante desta desconfianza o persoal, que celebrou unha asemblea o luns para valorar esta proposta acordou, de forma unánime, continuar coa folga, coas protestas e coas reivindicación porque entenden que “todos os espazos teñen que estar abertos pero con dotación de persoal para prestar unha boa asistencia e que non se sature o servizo de Urxencias”.
De feito, segundo adiantou o presidente da Comisión especializada de Centro “imos ter o día 19 de decembro un peche de 24 horas e para xaneiro farase unha manifestación a nivel xeral porque cremos que temos razón”.