O persoal de Urxencias do Clínico denuncia que carecen de espazos de atención segura no servizo
Á Xerencia do Clínico médranlle os problemas. Á mobilización do persoal da UCI de Adultos, que cumpría este luns 14 semanas en folga, súmase agora o persoal de Urxencias, que tamén se concentrou ás portas do servizo para denunciar a súa precaria situación.
Transcorrido xa case un ano dende o comezo da pandemia da Covid-19, despois de varias reunións cos responsables do servizo e escritos dirixidos á Xerencia e tras solicitar reunión urxente coa mesma, recibindo o silencio como resposta, o persoal do servizo de urxencias viuse na obriga de denunciar a precariedade das condicións nas que traballan e atenden as/aos doentes.
Improvisación continuada
Através dun comunicado lembraron que desde o comezo desta crise veñen denunciando unha falta de previsión e unha improvisación continuada, que “lonxe de nos preparar para esta vaga que sabíamos íba ser complicada trouxo unha situación máis caótica”.
Isto é tanto máis grave tendo en conta que o servizo de Urxencias é a porta de entrada da gran maioría dos casos Covid-19, malia o que “seguimos sen ter os espazos necesarios para unha atención segura, para nós e os pacientes”.
Aseguran que a pesar de que no verán se levou a cabo unha ampliación do servizo en 40 camas “non se contemplou a necesidade de melloras para atención na zona covid, nin sequera uns vestiarios seguros para o persoal”, nos que conflúen “limpos e contaminados” en cada quenda.
Entre outras cuestións denuncian a falta de material de protección necesaria: EPIs, máscaras ffp2 para todo o persoal, pantallas de protección e mesmo luvas, material que “chegou a comprar o propio persoal”.
Xunto a isto afirman que non se procedeu á ampliación dos cadros de persoal, tal e como recomenda o Ministerio de Sanidade e a normativa de riscos laborais. “Pola contra vémonos obrigados a facer quendas a maiores”, denuncian. Como tampouco foron reforzadas os cadros de persoal de limpeza. Algo que consideran imprescindible nunha pandemia.
Diante desta situación o persoal decidiu mobilizarse porque “lonxe de escoitar as demandas do persoal sobre a urxencia en dar solución ás necesidades básicas do servizo, o único que recibimos como resposta é esa teima por centrar esforzos e recursos en iniciativas que pouco teñen que ver coa prioridade que entendemos que todas e todos deberiamos ter e que non é outra que a asistencia á situación de pandemia da maneira máis segura posible para profesionais e doentes”.