Segunda xornada de paros e concentracións en Universal Support contra o traslado forzoso a Bergondo
As traballadoras e os traballadores de Universal Support (do grupo Konecta) que atenden a campaña de Pull&Bear están secundando este xoves a segunda xornada de paros laborais e concentracións en rexeitamento á decisión da empresa de trasladar o servizo ás instalacións que ten no Polígono de Bergondo. Este traslado afecta a 81 persoas (tanto ás que estaban traballando presencialmente en Pocomaco como a quen estaba en teletraballo) que hoxe mesmo se tiveron que incorporar ao novo centro de traballo.
Con tal motivo, o persoal está secundando, ademais dos paros de dúas horas por quenda laboral, concentracións diante do edificio de Universal Support en Bergondo en rexeitamento ao traslado e para esixir, cando menos, que a empresa aplique compensacións ao persoal afectado, que en moitos casos carece de medio de transporte para achegarse ao novo centro de traballo.
A sección sindical da CIG rexeita os motivos alegados por Universal Support para tomar esta decisión (que a empresa atribúe a que Inditex quere ter a todo o persoal da campaña xunto e traballando en modo presencial) por carecer de xustificación e por ser innecesaria, tendo en conta que no centro de Pocomaco seguirase dando servizo e que o persoal podería continuar teletraballando como até agora.
Xunto a isto, denuncian que a empresa nin sequera ofertou compensacións para as traballadoras e traballadores afectados polo traslado, malia que agora terán que desprazarse a 20 km do seu centro de traballo orixinal, co prexuízo económico que isto lles supón, que moitos compañeiros e compañeiras non teñen vehículo propio e que o transporte público até Bergondo é moi deficitario.
Neste senso, a representación da CIG critica as manobras desmobilizadoras da dirección que, coincidindo coa convocatoria dos paros deste xoves, estivo reunindo de maneira individual a algunhas das persoas afectadas para tratar posíbeis medidas, cando está convocada para mañá unha reunión co comité para abordar esta problemática e cando as solucións teñen que negociarse de maneira conxunta e non individual.
Así as cousas, e á espera do que a empresa propoña na xuntanza deste venres día 24, a representación social avanza que continuará reivindicando solucións para estes compañeiros e compañeiras de modo que se garanta que poidan continuar no seu posto e que se respecten os seus dereitos.