O persoal de Universal Support (Konecta) inicia un calendario de paros contra a precariedade laboral
Traballadores e traballadoras de Universal Support que prestan servizo na campaña Superliña Santander (na que están arredor de 170 persoas) iniciaron este luns un calendario de folgas parciais e concentracións contra a precarización laboral e para esixir que se respecten os seus dereitos. Os paros -cunha duración de dúas horas por quenda de traballo- e as concentracións repetiranse tamén os luns 11 e 18 de outubro, aínda que o comité non descarta continuar coas protestas se a empresa non atende as demandas sociais.
A campaña Superliña Santander, explica a sección sindical da CIG, sempre estivo caracterizada pola súa precariedade, pois aínda que o persoal presta servizos para o Banco Santander, o convenio que se lles aplica é o de centros de chamadas, que ten unhas condicións máis cativas.
Dende hai uns meses Universal Support (do grupo Konecta) pretende empeorar aínda máis as condicións de traballo, obrigando o persoal a traballar os festivos estatais e as fins de semana "a pesar de ter unha sentenza en contra que lles impide facer isto". Para máis colmo, Universas Support non facilita as libranzas nos días que o persoal solicita, denegado por sistema as peticións.
Xunto a isto, cos paros tamén se quere esixir unha formación de calidade "que vimos reclamando mes a mes, pero a empresa négase a pór horas para formacións"; o cese das contratacións temporais irregulares; que se recoñeza o persoal que presta servizos de superior categoría; que se consoliden as ampliacións de xornada; ou a mellora dos incentivos.
Proposta insuficiente da empresa
O pasado venres, houbo unha negociación coa empresa, e aínda que parecía que ía ceder nalgúns puntos, non abandonou as ameazas "e non quixo concretar que vai respectar a sentenza sobre o traballo en fins de semana para todo o persoal, as horas de formación ou a implantación dun sistema de libranzas racional que respecte o noso dereito ao descanso".
Diante disto, o comité comunicoulle á dirección que a proposta resultaba insuficiente e convidouse a empresa a ter unha nova xuntanza para mañá martes "á que aínda non contestaron".