O persoal de Unitono mobilízase en Ourense contra a deslocalización do servizo de atención ao cliente de Naturgy
O cadro de persoal de Unitono, empresa do sector dos centros de chamadas con sede no parque tecnolóxico de Ourense, mobilizouse hoxe para rexeitar a deslocalización do servizo de atención ao cliente de Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa), que traducirá na destrución de 400 empregos en Galiza.
Dende a CIG explican que o servizo de atención ao cliente, tanto de luz como de gas, que era atendido entre A Coruña e Ourense e xeraba até este verán preto de 400 postos de traballo, abandona Galiza para ser prestado, na súa maior parte, dende Colombia, “onde Naturgy atopa man de obra barata, no seu intento de encherse un pouco máis os petos”.
Denuncian que á empresa non lle chega con espoliar os recursos naturais deste país, senón que agora pretende librarse de calquera tipo de responsabilidade social e do impacto que esta práctica ten para as case 400 familias que ven perigar a súa economía familiar coa perda do seu emprego. “Tampouco lle interesa a súa clientela no noso país, que deixará de poder ser atendida no seu idioma, xa que non se seguirá a prestar atención en galego, e que ademais obterá a cambio unha notable perda de calidade da atención que reciben”.
Até o de agora na Coruña xa se perderon 90 postos de traballo este verán, quedando outros 150 pendentes dun fío. En Ourense, o persoal de Unitono vén de confirmar as peores sospeitas tras comunicárenlles, a pasada semana, que Naturgy rescinde o contrato definitivamente este venres 15 de novembro, “co que a espada de Damocles pendura sobre as cabezas de 130 traballadoras/es”.
Sosteñen que a principal culpábel da situación é Naturgy, mais non a única. A empresa Unitono, “nunha nefasta xestión (xa que en 10 anos, dende que se instalou en Ourense, tivo como cliente exclusivo a Naturgy), cargada de escurantismo e absoluta falta de comunicación e empatía, levaba meses vendo a gravidade da situación e mirando cara a outro lado, buscando un comprador co que quitarse o morto de enriba”.
Inoperancia e incapacidade da Xunta
Dende o comité de empresa solicitaron unha reunión coa Xunta de Galiza “para loitar con todos os medios ao noso alcance polo mantemento do emprego na nosa terra”. Mantiveron diferentes xuntanzas con Covadonga Toga, secretaria xeral de Emprego, “nas que só se nos transmitiron palabras baleiras cargadas de preocupación. Palabras que ao final resultaron infrutuosas pois a Xunta demostrou unha total inoperancia e incapacidade, alegando non ter competencias sobre as decisións dunha empresa privada (empresa privada que espolia sen ningún pudor os recursos naturais de todas as galegas e galegos e para a cal, curiosamente, a Xunta si pode elaborar unha Lei de fomento empresarial a medida)”.
O pasado 31 de outubro, a empresa GSS, do grupo italiano Covisian, mercou Unitono. Dende esa data, a nova propietaria de Unitono non mantén ningún tipo de contacto coa representación legal do persoal a pesar de terse solicitado polo comité unha xuntanza. Polo tanto, a día de hoxe, os 130 traballadoras/es do centro de Ourense “atópanse nunha situación insostible de incerteza e desesperación, posto que non saben cal será o seu futuro máis alá do día 15 de novembro”.
Por todo isto, hoxe desenvolveron unha concentración diante da tenda de Naturgy na rúa Celso Emilio Ferreiro de Ourense de 11:00 a 13:00 horas, tras a que marcharon en manifestación polas inmediacións do establecemento comercial.