O persoal de Unísono secunda unha xornada de folga para rexeitar as medidas represivas da dirección
O cadro de persoal de Unísono, empresa do sector dos centros de chamadas con sede en Vigo, secundou hoxe unha xornada de folga convocada polo comité en rexeitamento das medidas represivas adoptadas recentemente pola dirección. Coincidindo co paro, desenvolveu concentracións ás portas dos dous centros de traballo que a compañía ten na cidade, na Gran Vía e na rúa Valencia.
A representación da CIG no comité de Unísono explica que con esta medida de presión o persoal reclama a retirada das últimas decisións adoptadas pola compañía, como aplicar penalizacións económicas polo tempo que exceda dunha hora nos desprazamentos a centros médicos; solicitar xustificantes médicos selados polo centro; eliminar o traballo a distancia como medida de presión ou castigo; sancionar por eliminación arbitraria do “tempo de cortesía”; e denegación de horarios incluso solicitados por conciliación familiar.
As persoas traballadoras deste centro de chamadas aproveitaron a xornada de paro para desenvolver concentracións diante das instalacións da empresa na Gran Vía e na rúa Valencia, onde despregaron unha faixa na que se podía ler “Unísono: non + abusos” e berraron consignas contra a actitude represiva da dirección e reclamando a retirada das medidas.
Finalmente, dende a sección sindical da CIG-Unísono agradecen o apoio do persoal á convocatoria do comité e salientan o seu compromiso na defensa dos dereitos laborais, xa que a folga foi secundada de xeito masivo, até o punto de que nalgunhas campañas o seguimento foi do 100% e noutros casos superou o 80%, tanto na quenda de mañá como na de tarde.