O persoal de TYRMA paraliza o 100% da produción na segunda xornada de folga
O persoal de TYRMA conseguiu que a produción desta empresa de reciclaxe de plásticos, ubicada na mina de Touro, parara ao 100% na segunda xornada de folga, que tivo lugar este martes. Coincidindo co paro, o persoal volveuse concentrar ás portas da nave de produción para manifestar o seu rexeitamento pola decisión unilateral da empresa de modificación substancial das condicións laborais. Unha xornada de paro que repetirán este xoves día 17 de decembro e á volta do Nadal se TYRMA non muda a súa posición.
O persoal acordou ir á folga diante da pretensión da empresa de impor unha modificación das condicións laborais que os obrigaría a pasar a traballar cinco quendas diarias con sábados, domingos e festivos incluídos. Isto é, 24 horas ao día os 365 días do ano.
Segundo explica Eduardo Sebio, membro da Executiva comarcal da CIG de Compostela, “houbo preconsultas pero non se chegou a ningún acordo, porque o persoal demandaba que, no caso de efectivizarse estes cambios “se percibira unha compensación xusta por ver mudados os seus horarios e xornadas de traballo”.
A empresa de reciclaxe de materiais de plástico TYRMA opera dentro da Mina de Touro. Sebio apunta que os 40 traballadores e traballadoras teñen salarios netos que non alcanzan sequera os 1.000 euros. “Por iso entenden que, de se mudar os seus horarios, teñen que ser compensados economicamente e teñen que se lles garantir unhas condicións dignas”.
No decurso da concentración, celebrada diante das instalacións da empresa, reiteraron as súas exixencias: “que a empresa retire a modificacións substancial ou, no seu caso, que se acorde coa representación dos traballadores/as as condicións desta modificación”.